Artes e Humanidades e Ciencias Naturais, ámbitos temáticos cos que a USC destaca no QS World University Ranking 2017 by subjects
Artes e Humanidades e Ciencias Naturais son as dúas grandes áreas nas que a USC alcanza as súas mellores posicións entre todas as universidades do mundo analizadas no QS World University Ranking 2017 por temas. Esta clasificación sitúa de xeito destacado á Universidade de Santiago no ámbito das Artes e Humanidades (no posto 356 das 500 principais universidades do mundo) e en Ciencias Naturais (posto 374), así como en Ciencias da Vida e Medicina (no intervalo 451-500) e no das Ciencias Sociais (401-500).
O QS World University Rankings by Subject 2017 lista as que considera como as 500 mellores universidades do mundo organizadas por grandes áreas de coñecemento e en base a ámbitos temáticos concretos. Para ordenar a clasificación, este ránking toma en consideración catro criterios: os dous primeiros aluden a enquisas globais realizadas por QS entre académicos e empregadores para avaliar a reputación internacional das institucións universitarias en cada tema. Os outros dous indicadores refírense ao impacto da investigación a partir das citas por artigo e o índice h dos investigadores, segundo o recollido nas bases de datos Scopus de Elsevier.
Ámbitos concretos
Máis alá das grandes áreas de coñecemento, por ámbitos temáticos concretos a USC ascende ao intervalo 151-200 en Linguas Modernas e ao 201-250 en Farmacia e Farmacoloxía e en Lingüística. En Agricultura e silvicultura e en Enxeñaría Química, a USC está emprazada na posición 251-300, mentres que en Matemáticas sitúase no 301-350 e en Física e Astronomía no 351-400. En posicións destacadas figuran tamén Química e Medicina, no intervalo 401-450, que completarían a listaxe.