Ir o contido principal

A artista Carmen Martín fará un maratón de pintura en vivo este martes na Facultade de ADE

A pintora ferrolá Carmen Martín desenvolverá este martes 27 unha maratón de pintura en vivo na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo dentro do seu programa de Pintura en Acción, que desenvolve ao longo de toda a xeografía española co obxectivo de achegar a arte á rúa, en lugares nos que non é habitual.
Esta xornada de festa da pintura desenvolverase durante 12 horas seguidas e contempla a realización de cadros con charlas polas aulas. Esta iniciativa deu comezo fai un ano e medio e, despois dun primeiro ciclo baseado na súa cidade, neste 2008 está a realizar dúas edicións simultáneas, unha en Narón e outra fóra de Ferrolterra, na que ten visitado cidades moi diversas como Compostela, Laracha, Vic ou Noia.
Con estas maratóns-accións artísticas a pintora pretende reivindicar o lugar da pintura coma unha arte cada vez máis viva, “malia que os circuítos da arte sigan a ignorala”, como explica a artista. Carmen Martín simultanea as súas accións pictóricas como a que levará a cabo en Lugo (realizando dúas ou tres cada mes) co desenvolvemento doutros proxectos pictóricos e exposicións. De feito, o seu programa de traballo pode consultarse na web www.carmenmartin.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2008.