Ir o contido principal

A asemblea de reitores de EUniWell define os alicerces para un benestar democrático, inclusivo e diverso

Antonio López e Beatrix Busse. FOTO: EUniWell
Antonio López e Beatrix Busse. FOTO: EUniWell
O reitor da USC, Antonio López, e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, participan nesta xuntanza na que se asinou a adhesión formal da institución compostelá á alianza
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e Beatrix Busse, responsable de EUniWell, acaban se asinar a adhesión formal da USC á Universidade Europea do Benestar que, co apoio da Comisión Europea, persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade. A sinatura do acordo desenvolveuse no marco da asemblea de reitores que se desenvolveu na universidade sueca de Linneo e na que tamén participou María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización.

A institución compostelá intégrase neste consorcio e súmase á listaxe de nove institucións que xa formaban parte da alianza: Birmingham, Cologne, Florence, Konstanz, Murcia, Linnaeus University, Nantes Université, Semmelweis University e Taras Shevchenko National University of Kyiv.

“Queremos facer unha contribución tanxible ao desenvolvemento de EUniWell como unha universidade europea verdadeiramente integrada e de pleno dereito que teña un impacto social significativo dentro da UE e que tamén se estenda ás rexións periféricas con pobos pequenos, poboacións dispersas e áreas predominantemente rurais para apoiar a estas rexións no desenvolvemento do seu potencial”, afirmou o reitor Antonio López. Coa incorporación da Universidade compostelá, EUniWell pasa a estar integrada por  330.000 estudantes e case 60.000 membros procedentes dos respectivos cadros de persoal das institucións que a compoñen.

EUniWell, unha das preto de medio cento de alianzas universitarias financiadas dende 2020 pola Comisión Europea ao abeiro do programa ERASMUS+, utilizará a fortaleza colectiva para dar forma ao futuro da educación superior en Europa situando o benestar no centro da súa actividade investigadora, docente e de intercambio internacional. Co seu enfoque no benestar, EUniWell responde ao convite do Consello da Unión Europea para que os estados membros adopten un enfoque horizontal, intersectorial e baseado no coñecemento para promover a 'Economía do Benestar'.

En novembro de 2020, EUniWell entrou na súa fase piloto de tres anos durante os cales pretende desenvolver unha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, a nivel rexional, europeo e mundial.

O reitor compostelán (terceiro pola esquerda)
O reitor compostelán (terceiro pola esquerda), xunto con representantes das outras institucións integrantes de EUniWell
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2023.