Ir o contido principal

A Asemblea Xeral da CRUE solicita do Goberno máis financiamento para a implantación da LOSU

Asistentes ás xornadas da CRUE e autoridades. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ás xornadas da CRUE e autoridades. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC Antonio López salientou que a abordaxe da implantación da lei implica un proceso de posta en común entre as administracións implicadas

A Asemblea Xeral que a CRUE celebrou este xoves en Santiago serviu para analizar a implantación da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) a curto e medio prazo e as necesidades financeiras que a súa posta en funcionamento requirirán. Neste sentido, a presidenta de CRUE e reitora da Universidade Jaume I, Eva Alcón Soler, destacou a urxencia de que “desde o Ministerio e as comunidades autónomas nos digan á maior brevidade posible con que financiamento imos contar para poñer en marcha esa lei universitaria”.

A Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) foi o tema principal da xuntanza, e a presidenta de CRUE recalcou que é fundamental coñecer o número de prazas e o financiamento co que contarán as universidades xa que neste momento se está a planificar o curso vindeiro. Por iso, a CRUE, asociación que agrupa 77 universidades públicas e privadas do Estado español, creou unha comisión para analizar co Ministerio de Educación e coas comunidades autónomas como se vai chegar en 2030 ao 1% do PIB de financiamento para as universidades que está recollido na lei.

Nesta mesma liña, o reitor da USC, Antonio López Díaz, explicou que aínda que se trata dun momento inicial do proceso, a abordaxe da implantación da lei implica un proceso de posta en común entre as administracións, pois “ten que contar co Goberno do Estado por un lado e cos gobernos das comunidades autónomas polo outro”.

Recoñecemento

A Asemblea Xeral da CRUE foi precedida este mércores dunha xornada dedicada a abordar os retos que presenta a intelixencia artificial, e posteriormente os ex presidentes de CRUE Universidades Segundo Píriz, Roberto Fernández, José Carlos Gómez Villamandos e Juan Romo foron obxecto este mércores 13 dun acto de recoñecemento no Hostal dos Reis Católicos, no que a presidenta de CRUE lles fixo entrega a cada un dun volume sobre os principais fitos dos seus respectivos períodos de goberno á fronte da asociación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2024.