A Asemblea Xeral de CRUE Universidades Españolas rexeita “rotundamente que se utilice a Universidade como arma arreboladiza na contenda política”

A Asemblea Xeral de CRUE Universidades Españolas, na que participou este luns o reitor Antonio López, acaba de aprobar un comunicado no que esixe aos responsables políticos que se ocupen das necesidades urxentes das universidades, entre elas un maior financiamento e unha nova Lei de Universidades.
Entre outras cuestións, o texto aprobado rexeita “rotundamente que se utilice a Universidade como arma arreboladiza na contenda política, elevando a categoría xeral casos particulares, sen dúbida absolutamente lamentables, condenables e que deben corrixirse con contundencia. Con isto, ponse irresponsablemente en perigo o prestixio das nosas universidades, que tanto nos costou acadar”. O mesmo documento conclúe que “unha sociedade que non confía nas súas universidades non ten futuro”.