Ir o contido principal

Asinada unha nova quenda de acordos de interese mutuo para impulsar a planificación estratéxica doutros sete Departamentos da USC

O pasado ano xa subscribiran acordos similares outros nove Departamentos

Financiar as actividades propostas polos Departamentos para o seu desenvolvemento estratéxico e adecuación ás grandes liñas fixadas polo Plan Estratéxico da universidade compostelá é o obxectivo dos sete novos acordos asinados polo reitor cos directores dos Departamentos implicados. Nesta ocasión os Departamentos asinantes foron os de Botánica; Didáctica da expresión musical, plástica e corporal; Estatística e Investigación Operativa; Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica; Filoloxía Alemá; Fisioloxía; e Xeometría e Topoloxía.
Estes acordos, polos que a USC fará unha achega económica extraordinaria aos departamentos asinantes, pretenden favorecer a consecución dunha serie de accións que permitan a estas unidades adecuarse ás grandes liñas fixadas no Plan Estratéxico da institución compostelá a desenvolver de cara a 2010. Á determinación das actividades a desenvolver chegouse tras unha exhaustiva análise das fortalezas, debilidades e oportunidades de cada Departamento.
Este sete Departamentos súmanse aos outros nove que xa teñen asinado acordos similares, como son os de Análise Matemática, Anatomía e Produción Animal, Bioloxía Celular e Ecoloxía, Ciencias Morfolóxicas, Dereito Público Especial, Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais, Enxeñaría Agroforestal, Filoloxía Inglesa, e Historia Contemporánea e de América.
Planificación estratéxica da USCO Plan Estratéxico da USC que aprobou o Claustro en xuño de 2001 define un conxunto de 55 obxectivos xerais e 165 accións a desenvolver cara 2010. Este plan establece unha segunda fase de elaboración dos plans estratéxicos de cada unidade, neste caso os Departamentos, que tiveron que avaliar a súa propia estrutura interna e o seu contorno e facer así un exercicio de planificación que os leve a definir os seus obxectivos concretos, sectoriais ou parciais, que teñen que estar aliñados cos xerais da USC.
Na definición das accións para levar a cabo polos Departamentos incidiuse en tres eixes fundamentais, a mellora da calidade docente en todos os ciclos, a potenciación da capacidade investigadora e a mellora do funcionamento interno da unidade. Así, considerouse prioritario incluír actividades que melloraran a metodoloxía docente na busca dunha mellora da calidade, a incorporación de TIC e de materias en novos formatos, novas contidos na USC virtual ou a adaptación de materias ao EEES, entre outros. Algúns departamentos manifestaron ademais a súa vontade de manter e mellorar o seu índice de produtividade científica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2007.