A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC entrega este venres o XI premio Relato Curto Alumni USC
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) celebra este venres 3, ás 19.00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía, o acto de entrega do XI Premio de Relato Curto, no que a gañadora, María González Blanco (Cambados, 1986), lerá a obra premiada O segredo de Moira.
Posteriormente, terá lugar unha charla-coloquio cos asistentes, entre eles os accésits distinguidos e membros do xurado, que moderará o crítico literario e columnista de El Correo Gallego José Miguel Giráldez e presidirá a titular da entidade, Benita Silva.
O acto finalizará coa entrega do premio, dotado con 500 euros –patrocinio do Instituto Policlínico La Rosaleda–, da man do director de Relacións Externas, Rafael Silva, así como os diplomas aos tres accésits distinguidos nesta ocasión de entre o total dos 42 orixinais presentados: Un monólogo para Mrs. Musgrove de Noelia Cendán Teijeiro (Cospeito, 1983); A ´piccola´ violinista de Monserrat Pis Marcos (Santiago, 1983); e Local Hero, de Héctor Cajaraville Araújo (Santiago, 1974).
Da obra gañadora o xurado destacou que se trata dunha aposta narrativa arriscada e ben resolta, que engancha e intriga ao lector desde o comezo. O texto baséase nunha ficción imposible (a contemplación da propia vida por parte do home e da muller protagonistas) e a autora recorre a un sutil emprego da anagnórese (recurso que consiste no recoñecemento ou descubrimento por parte dun personaxe sobre datos esenciais da súa identidade), para achegar verosimilitude a diferentes afectos, entre os que resalta a dualidade amor/desamor.
O xurado desta décimo primeira edición estivo formado pola catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea López; o director do Servizo de Publicacións USC, Juan L. Blanco Valdés; a mestra no colexio público de Abelendo de Moaña Elisa Pérez Vilariño; e a profesora do IV Ciclo da USC Mar Fernández Vázquez, que actuou en calidade de secretaria con voz pero sen voto.