A Asociación de Antigos Alumnos premia unha historia de superación persoal no seu concurso de relato curto
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) decidiu este luns conceder o Premio de Relato Curto na súa oitava edición á obra ‘Os animais non son seres libres’ presentado baixo o pseudónimo de Adela Andrade. Formado polo presidente da AAAAUSC, Ángel Álvarez; a vicepresidenta da asociación, Blanca Roig; a secretaria, Isabel Vilariño; e as vogais Concepción Díaz-Fierros e Mª del Mar Fernández, o xurado, que tomou a decisión por unanimidade, destacou que o relato trata unha temática moi actual por medio dun personaxe que se autoexclúe da sociedade por incomprensións, un estado que mudará grazas ao apoio dun único amigo que o convence para buscar axuda psicolóxica. A persoa gañadora recibirá unha figura da colección ‘Alba da Groria’ de Castelao de Sargadelos e verá publicado integramente o seu relato na revista semestral Fonseca da asociación.