A Asociación Española de Comunicación Científica selecciona o proxecto D3Mobile da USC para presentar en Ciencia en Redes
O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil ‘D3Mobile Metrology World League 2015’ , un certame promovido polos investigadores do grupo USCAN3D da USC e a través do que se pretende potenciar as vocacións científicas en estudantes de ensinanzas medias a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil, figura entre os proxectos seleccionados pola Asociación Española de Comunicación Científica para a súa presentación na cuarta edición de Ciencia en Redes , un encontro destinado a periodistas, investigadores, comunicadores, museógrafos, institucións e empresas dedicadas á ciencia e a I+D+i, que xa se ten convertido no evento de referencia en España no eido da formación 2.0 en ciencia e tecnoloxía.
A selección do proxecto D3Mobile entre os doce presentados en Ciencia en Redes implica a participación por vez primeira da USC no primeiro evento de España destinado especificamente a formación 2.0 en ciencia e tecnoloxía, segundo indicou Óscar Menéndez. O coordinador de Ciencia en Redes sinalou que este foro de intercambio e debate, no que se dan cita os mellores expoñentes do mundo científico dixital na comunicación, xurde a colación do auxe experimentado polas redes sociais coa dobre pretensión de buscar rendibilidade económica destas novas canles de comunicación, así como de xustificar a súa relevancia e utilidade social ademais de como mecanismos de divulgación científica. Respecto dos proxectos seleccionados polo comité científico para a súa presentación na sección denominada '10 minutos de gloria' na próxima edición de Ciencia en Redes, o coordinador deste evento indicou que as 12 propostas que se presentarán no marco deste evento, que se desenvolverá o vindeiro 28 de maio na Casa Encendida de Madrid, foron escollidos polo seu interese entre os preto de medio centenar de proxectos recibidos. A inclusión de D3Mobile neste foro de debate e intercambio especializado no eido da formación 2.0 en ciencia e tecnoloxía contribuirá de xeito decidido a unha maior difusión deste proxecto pioneiro da USC, ao tempo que tamén reforzará e potenciará a imaxe da institución académica compostelá, segundo sinalou Óscar Menéndez. O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e director do D3Mobile Metrology World League, Juan Ortiz, indicou que aproveitará a súa participación en Ciencia en Redes para mostrar cómo fai uso das diferentes ferramentas de comunicación da web neste proxecto de divulgación científica, a través do que se busca estimular o talento e achegar o interese pola ciencia e a tecnoloxía á mocidade. Ortiz sinalou asemade que Ciencia en Redes constitúe unha inmellorable oportunidade para divulgar o labor científico da USC en xeral e o proxecto D3mobile, en particular, así como para reforzar a difusión cara a próximas convocatorias dun campionato escolar que se desenvolve en liña e que na súa última edición formalizou a inscrición de participantes de máis de 30 países de Europa, África, América e Asia. Amplo apoio institucional O proxecto D3Mobile, promovido polo grupo Usan3D da USC, naceu cun amplo apoio institucional, tanto público como privado, nacional e internacional, que segue a aumentar ano tras ano. Na presente edición, cómpre destacar o respaldo recibido pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), a entidade máxima responsable da difusión científica en España, que por terceiro ano consecutivo volveu incluír en 2015 a D3Mobile nos 208 proxectos financiados logo de recibir máis de 900 solicitudes. O Centro Español de Metroloxía (CEM); Instituto Xeográfico Nacional (IGN), Fundación Vodafone España, EducaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para a comunidade educativa, Xunta de Galicia, Goberno de Navarra, Junta de Castilla y León, Deputación Provincial de Lugo, Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, e diversas federacións e sociedades españolas, empresas como a multinacional española BQ, así como asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos..., que ven oportuno e rendible este proxecto educativo.