A asociación de estudantes da USC Scienceffect volve gañar o premio do público da Maker Faire Galicia

A asociación Scienceffect, composta por máis de 60 estudantes de facultades de ciencias da USC, proclamouse gañadora, un ano máis, da Maker Faire Galicia que tivo lugar esta fin de semana en Santiago. A actitude proactiva, a diversidade de experiencias científicas compartidas e o traballo en equipo foron os valores que a fixeron merecedora do premio do público.
No posto de Scienceffect participaron unha vintena de estudantes de medicina, química, física, bioloxía e outras carreiras de ciencias e contou cun gran despregue de experimentos en todas estas áreas. Unha das grandes apostas deste ano foi a posta en escena dunha zona aeroespacial que contaba cun simulador dunha cabina de transbordador espacial e un control de misión, na que os asistentes podían experimentar en carne propia a tensión do momento ben pilotando a nave ou ben coordinando a misión.
Scienceffect recibiu da organización varias mencións de honra polas mesmas razóns que apuntou o público así como por realizar un traballo concienzudo sobre a importancia da cultura maker para impulsar unha educación que potencie a creatividade e a innovación.
A participación da asociación da USC nesta Maker Faire, a máis grande celebrada en Europa ata a data, contou co apoio da Facultade de Medicina e Emprendia.


