A Asociación Europea de Metodoloxía desenvolve en Santiago o seu quinto congreso
A Facultade de Psicoloxía acolle dende este martes 17 ata o venres 20 o V Congreso Europeo de Metodoloxía que, organizado baixo os auspicios da Asociación Europea, reunirá á comunidade científica internacional para debater cerca dos últimos avances nesta disciplina da Psicoloxía. O profesor da USC Constantino Arce é o coordinador do comité local organizador. Aínda que o desenvolvemento do congreso comeza este martes en Psicoloxía con diversos workshops, a inauguración oficial terá lugar o mércores 18 ás 18.30 horas na Facultade de Xeografía e Historia coa conferencia do profesor José Muñiz, da Universidade de Oviedo, titulada ‘ Perspectivas actuais e retos futuros na medición psicolóxica’. O encontro, estruturado en diversas sesións paralelas de comunicacións e grupos de traballo, contempla os relatorios principais de tres importantes expertos, todas eles ás 12.30 horas. O mércores 18 intervirá Jimmy de la Torre, da Universidade Rutgers (EE.UU.), a quen lle seguirá o xoves Ronald K. Hambleton, da Universidade de Massachusets (EE.UU.). O venres será a quenda de Antoine de Falguerolles, da Universidade francesa Paul Sabatier. No congreso está tamén prevista a entrega de premios á mellor presentación e ao mellor artigo publicado, ambos os dous destinados a persoal investigador júnior.