A Asociación Europea de Metodoloxía reúne en Santiago á comunidade científica internacional da especialidade
A conferencia do profesor da Universidade de Oviedo José Muñiz titulada ‘Perspectivas actuais e retos futuros na mediación psicolóxica’ é o acto central da sesión de inauguración do V Congreso Europeo de Metodoloxía que o reitor Juan Casares presidirá este mércores 18 a partir das 19.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Na cerimonia de apertura participan tamén o presidente do comité organizador e profesor da USC, Constantino Arce; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; e o presidente da Asociación Europea de Metodoloxía, José Muñiz Fernández, que nomeará membro de honra da asociación ao profesor Ronald K. Hambleton. Agás a inauguración, o congreso desenvolverase na Facultade de Psicoloxía ata o venres 20 organizado baixo os auspicios da Asociación Europea. O encontro reunirá á comunidade científica internacional para debater cerca dos últimos avances nesta disciplina da Psicoloxía. Estruturado en diversas sesións paralelas de comunicacións e grupos de traballo, o programa contempla tres relatorios principais de importantes expertos, todos eles ás 12.30 horas. O mércores 18 intervén Ronald K. Hambleton, da Universidade de Massachusets (EE.UU.), a quen lle seguirá o xoves Antoine de Falguerolles, da Universidade francesa Paul Sabatier. O venres 20 será a quenda de Jimmy de la Torre, da Rutgers (EEUU).
No congreso está tamén prevista a entrega de premios á mellor presentación e ao mellor artigo publicado, ambos os dous destinados a persoal investigador júnior.