Ir o contido principal

A Asociación Galega de Familias de Acollida recolle o premio Humanitas polo seu labor coa infancia desprotexida

Pola esquerda, María Teresa Bouzada Gil, membro do xurado; a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella;  a presidenta de Acougo, Rebeca Pereira Ferrón; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; a presidenta de AlumniUSC, Eva López Barrio, e unha voluntaria de Acougo, Paz. FOTO: Santi Alvite
Pola esquerda, María Teresa Bouzada Gil, membro do xurado; a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; a presidenta de Acougo, Rebeca Pereira Ferrón; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; a presidenta de AlumniUSC, Eva López Barrio, e unha voluntaria de Acougo, Paz. FOTO: Santi Alvite
O galardón outorgado polo Consello Social da USC xunto coa Asociación de Antigos Alumnos da USC recoñece accións ou traxectorias solidarias

A presidenta da Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), Rebeca Pereira Ferrón, recibiu este venres de mans da presidenta da Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey, o premio Humanitas 2023 que o Consello outorga conxuntamente coa Asociación de Antigos Alumnos da USC (Alumni USC). Este premio recoñece accións e traxectorias que estean desenvolvendo actualmente persoas físicas, xurídicas, asociacións, empresas ou fundacións e que se distinguiran pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade.

Cecilia Sierra asegurou que "para o Consello Social da USC e para Alumni USC é un orgullo entregarlle o premio a unha asociación como Acougo polo que significa e o que implica, e porque serve para darlle a coñecer á sociedade o traballo que desenvolver para afrontar os problemas que sofren nenas e nenos e adolescentes, buscando que teñan un fogar e un contorno de cariño e unha vida en condicións dignas".

Rebeca Pereira agradeceu a entrega do galardón no nome de Acougo, xa que contribúe a visibilizar o traballo da entidade con rapazas e rapaces na súa infancia e adolescencia, pois na súa opinión "o acollemento por familias é a mellor medida para nenas e nenos e adolescentes con dificultades, nun marco de prevención, atención directa e traballo con profesionais de todos os niveis".

A concesión do galardón de 2023 a Acougo foi acordada por unanimidade polo xurado tras a análise das candidaturas presentadas, recoñecendo así o traballo que a asociación realiza en prol dos dereitos de menores que se atopan no sistema de protección público. O xurado estivo formado polo reitor da USC, Antonio López Díaz, que o presidiu; a presidenta de Alumni, Eva López Barrio; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; Nuria Pereira Martínez, vogal por parte do Consello Social e María Teresa Bouzada Gil por parte de Alumni, que actuou como secretaria do xurado. Os membros do xurado puxeron de manifesto a importancia do labor solidario desenvolvido polas entidades candidatas, a prol da mellora da calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade na  comunidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2024.