Ir o contido principal

A Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación celebra o seu primeiro congreso na USC

Os vindeiros 20 e 21 de novembro, coa presenza de Michèle e Armand Mattelart aos que o reitor imporá o martes a Medalla de Ouro da USC

Persoal investigador e especialistas relacionados coa comunicación daranse cita o próximo luns 20 e o martes 21 no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM), que se celebrará co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’. Durante dous días de debate na Facultade de Ciencias da Comunicación, analizaranse as últimas liñas de investigación e iniciativas que marcan o devir da actualidade. Entre os convidados atópase o recoñecido sociólogo e catedrático de Ciencias da Información e Comunicación da Universidade de París VIII Vincennes-Saint Denis, Armand Mattelart.

Programa
A inauguración terá lugar o luns 20 ás 9.30 horas e a conferencia inaugural, a partir das 10.00 horas, estará protagonizada por Armand Mattelart para disertar sobre ‘Redes de vixilancia’. Xunto con Michèle Mattelart, conforma unha parella de intelectuais considerada como referentes mundiais que marcan a traxectoria máis destacada do pensamento crítico europeo e iberoamericano sobre as ciencias da comunicación nos últimos 50 anos. A súa produción destaca pola súa orixinal abordaxe da confluencia sistémica dos medios e as estruturas sociopolíticas de poder, a análise dos fluxos comunicacionais entre centro e periferia ou da transnacionalización das redes de telecomunicacións e información, entre outros.

A partir das 11.30 o programa reanudarase cun panel co lema ‘Lingua, comunicación e redes na diversidade’. Nela intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o profesor da Universidade París VIII Vincennes-Saint Denis, Jacques Guyot; o presidente da asociación de investigadores de Cabo Verde (Mediacom), Silvino Lopes; e a xornalista María Yáñez, moderados polo presidente de AGACOM Francisco Campos Freire. Para pechar o programa matinal, a profesora da Universidade da Coruña Carme Costa coordinada unha sesións sobre a presentación de iniciativas, libros e revistas científicas.

Pola tarde, será a quenda da presentación simultánea de comunicacións que se organizarán en torno a sete grupos temáticos: historia da comunicación; estrutura, medios e soportes da comunicación; publicidade, relacións públicas e comunicación organizacional; teorías, métodos e técnicas de investigación da comunicación e da recepción dos medios; políticas da diversidade e discursos de xénero; cibercomunicación e cultura dixital; e miscelánea doutros.

Na xornada do martes 21, está previsto un panel sobre mudanzas na investigación e formación en comunicación e a conferencia plenaria que pronunciará Mihèle Mattelart co título ‘Xénero e investigación: o vello e o novo’. Deseguido, a partir das 13.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, o reitor Juan Viaño imporalle a Medalla de Ouro da USC a Michèle e Armand Mattelart. A Medalla é a máxima distinción para facer patente o recoñecemento da Universidade de Santiago de Compostela e concédese a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución. A catedrática Margarita Ledo realizará a laudatio dos investigadores homenaxeados.

AGACOM
AGACOM está formada por persoal investigador e académico que imparten materias sobre ciencias da comunicación. Nace coincidindo co 25 aniversario da implantación destes estudos en Galicia. A Asociación xurdiu no ano 2000 co fin de contribuír a fortalecer as relacións entre os investigadores das ciencias da comunicación dos distintos países europeos, de iberoamérica e doutras partes do mundo, entre elas, as que corresponden ao conxunto de comunidades de cultura lusa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2017.