A Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación celebrará o seu primeiro congreso na USC
Persoal investigador e especialistas relacionados coa comunicación daranse cita no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM), que se celebrará os días 20 e 21 do vindeiro mes de novembro co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’. Durante dous días de debate na Facultade de Ciencias da Comunicación, analizaranse as últimas liñas de investigación e iniciativas que marcan o devir da actualidade. Entre os convidados atópase o recoñecido sociólogo belga e catedrático de Ciencias da Información e Comunicación da Universidade de París VII Vincennes-Saint Denis, Armand Mattelart.
Co lema ‘Alén das fronteiras: redes na diversidades’, a través deste congreso, AGACOM busca promover e impulsar a investigación no ámbito da información e a comunicación no ámbito lusófono. A cita cadra ademais co 25 aniversario da implantación dos estudos de comunicación en Galicia, concretamente na USC.
Ata a capital galega achegaranse persoal investigador de renome internacional como Armand Mattelart ou a investigadora Michèle Mattelart, investigadora do Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) e da Unesco; o profesor da Universidade de París VII Vincennes-Saint Denis, Jacques Guyot; ou a gaiteira Cristina Pato, asesora de educación do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard.
Tamén acudirán os presidentes das asociacións de investigadores e investigadoras de Portugal (SOPCOM), Paulo Serra, e de Cabo Verde (MEDIACOM) Silvino Lopes Évora. Ademais, participarán os profesores da Universidade Autónoma de Barcelona Emili Prado e Rosa Franquet; da Universidade de Minho, Madalena Oliveira; e o presidente da Real Academia Galega, o profesor Víctor Fernández Freixanes.
A presentación de comunicacións científicas organízase en torno a sete grupos temáticos: historia da comunicación; estrutura, medios e soportes da comunicación; publicidade, relacións públicas e comunicación organizacional; teorías, métodos e técnicas de investigación da comunicación e da recepción dos medios; políticas da diversidade e discursos de xénero; cibercomunicación e cultura dixital; e miscelánea doutros.
AGACOM
AGACOM está formada por persoal investigador e académico que imparten materias sobre ciencias da comunicación. Nace coincidindo co 25 aniversario da implantación destes estudos en Galicia. A Asociación xurdiu no ano 2000 co fin de contribuír a fortalecer as relacións entre os investigadores das ciencias da comunicación dos distintos países europeos, de iberoamérica e doutras partes do mundo, entre elas, as que corresponden ao conxunto de comunidades de cultura lusa.