Ir o contido principal

A Asociación de Historia de la Lengua Española reelixe o profesor da USC Emilio Montero Cartelle como o seu presidente

Emilio Montero imparte docencia na Facultade de Filoloxía da USC
Emilio Montero imparte docencia na Facultade de Filoloxía da USC
A decisión tomouse no marco do XIII Congreso Internacional de Historia de la Lengua Española que tivo lugar na cidade suíza de Zurich
Santiago de Compostela

O profesor emérito da USC Emilio Montero Cartelle é o novo presidente da Asociación de Historia de la Lengua Española (AHLE), logo de ser reelixido para outro mandato no XIII Congreso Internacional de Historia de la Lengua Española, que tivo lugar na cidade suíza de Zurich. Montero sucede no cargo aos doutores Manuel Alvar, Rafael Lapesa, Emilio Alarcos, Humberto López Morais e J. Jesús Bustos Tovar.

A Asociación constituíuse en 1987 durante o I Congreso Internacional de Historia de la Lengua Española que se desenvolveu na Universidade de Estremadura co obxectivo de promover o estudo e divulgación da lingua e a súa historia en todos aqueles ámbitos estatais e internacionais que apoien a súa investigación científica. Para a consecución destes propósitos a Asociación organizou trece congresos internacionais en Europa e en América, patrocinou publicacións de interese como a Revista de Historia de la lengua Española, alén de promover simposios, conferencias e seminarios, entre outras actividades.

Montero avanzou que, no seu novo mandato, seguirá coa política deseñada para o sexenio 2018-2024, isto é, desenvolver os estatutos coa finalidade de conceder maior poder de decisión aos socios, potenciar e actualizar a páxina da Asociación na rede, adecuándoa aos novos sistemas de comunicación, e obter para a Revista de Historia de la Lengua Española o selo de calidade que concede a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Así mesmo, “temos a intención, nesta nova etapa, de buscar unha relación máis estreita entre a Asociación e os grupos, institutos e proxectos de investigación, de maneira que, sen solaparnos, nos beneficiemos mutuamente”, explica o profesor Montero.

“A miña investigación centrouse en dúas grandes liñas de investigación”, relata. A sintaxe histórica nas súas vertentes funcionalista, pragmática e discursiva plasmouse en dous libros e en máis dun centenar de publicacións científicas. A súa formación romanística reflectiuna nun libro (O eufemismo en Galicia) e en numerosas publicacións sobre o tabú e o léxico sexual no castelán medieval e clásico e no galego dos Cancioneiros. Todo iso complementado coa dirección dunha decena de proxectos e múltiples teses de doutoramento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2024.