A asociación ICIAM traballa nos preparativos do congreso internacional en Matemática Aplicada e Industrial 2019
O reitor Juan Viaño participa este martes 13 a partir das 11.00 horas na xuntanza que a Asociación ‘ICIAM 2019 Valencia’ celebrará en Santiago e que traballa no desenvolvemento do Congreso Internacional en Matemática Aplicada e Industrial que se vai celebrar en Valencia en 2019 e do que a USC será subsede compartida con A Coruña.
A USC participa en ICIAM 2019, tanto na Asemblea como na Xunta de Goberno, a través do Departamento de Matemática Aplicada pola súa experiencia en Matemática Industrial. Concretamente, na xuntanza intervirán Peregrina Quintela e Elena Vázquez Cendón, encargados dos comités temáticos de Relacións coas Industrias e de Viaxes, respectivamente.
Na asemblea que se vai celebrar este martes na USC participarán de xeito presencial e telemático todos os seus membros presididos polo profesor da Universidade de Sevilla Tomás Chacón e a profesora da Universidade de Valencia Rosa Donat.