Ir o contido principal

A asociación ICIAM traballa na USC nos preparativos do congreso internacional en Matemática Aplicada e Industrial 2019

O reitor, no centro, participou no arranque da xuntanza de traballo celebrada na Facultade de Matemáticas. Foto: Servimav-USC
O reitor, no centro, participou no arranque da xuntanza de traballo celebrada na Facultade de Matemáticas. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño, xunto coa decano da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero Espinar, participou este martes na xuntanza que a asociación ‘ ICIAM 2019 Valencia’ celebra na USC para avanzar na preparación o Congreso Internacional en Matemática Aplicada e Industrial (International Council on Industrial and Applied Mathematics). Este é un encontro internacional que celebrara cada catro anos e cuxa próxima cita será en Valencia en 2019, incluíndo como subsede Santiago e A Coruña.

A USC participa en ICIAM 2019, tanto na Asemblea como na Xunta de Goberno, a través do Departamento de Matemática Aplicada pola súa experiencia en Matemática Industrial. Concretamente, na xuntanza interviñeron Peregrina Quintela e Elena Vázquez Cendón, encargadas dos comités temáticos de Relacións coas Industrias e de Viaxes, respectivamente. Ademais, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro formou parte do Comité Científico que impulsou a candidatura de Valencia como próxima sede do congreso. Na asemblea celebrada este martes na USC participaron de xeito presencial e telemático todos os seus membros presididos polo profesor da Universidade de Sevilla Tomás Chacón e a profesora da Universidade de Valencia Rosa Donat.

O encontro serviu para tratar, entre outras cuestións, o procedemento de selección de Public Lecturer, o programa de publicidad pre-congreso, así como a selección de membros dos comités temáticos e a organización do International Workshop on Industrial Mathematical con motivo da xuntanza do board ICIAM en Valencia en maio de 2017.

Dende o comité de viaxes, e xunto coa Sociedade Española de Matemática Aplicada (SEMA), púxose en marcha o programa de crowfunding científico Programa Patrocinio Becas P2B-2019. É unha iniciativa que busca fomentar e canalizar un crowdfunding científico que garanta apoio económico suficiente para asegurar a presenza dun número elevado de investigadores novos no congreso de 2019. P2B-2019 diríxese a departamentos, institutos e grupos de investigación así como a particulares, empresas e outras unidades de investigación (http://iciam2019.org/index.php/sponsors).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2016.