Ir o contido principal

A Asociación internacional de Estudos Rexionais celebrará na USC a conferencia anual de 2019

De esquerda a dereita, Daniela Carl, Lesa Reynolds e Maria Jose Piñeira
De esquerda a dereita, Daniela Carl, Lesa Reynolds e Maria Jose Piñeira

A Asociación de Estudos Rexionais (RSA), unha importante sociedade internacional, celebrará a súa conferencia anual de 2019 na Universidade de Santiago. Para ir preparando os detalles do evento a subdirectora executiva da asociación, Daniela Carl, e a directora da conferencia, Lesa Reynolds, estiveron en Santiago coa profesora de Xeografía, María José Piñeira.

Na xuntanza en Compostela as representantes da RSA coñeceron os distintos espazos que ofrece a Universidade e aproveitaron para achegarse ademais ao labor dos grupos que traballan no campo dos estudos rexionais e que presumiblemente presentarán as súas investigacións na conferencia que terá lugar na cidade en menos de dous anos.

As rexións son unha escala espacial clave á hora de examinar a natureza e os impactos dos cambios políticos, económicos, sociais e ambientais, así como a innovación. A RSA traballa cos seus membros internacionais de cara a facilitar os máis altos estándares de desenvolvemento teórico, análise empírica e debate político de cuestións nesta escala subnacional, incorporando tanto as concepcións urbanas e rurais como as diferentes concepcións do espazo tales como as cidades-rexións e os espazos intersticiais. En concreto, está moi interesada en temas de desenvolvemento e crecemento económico, concepcións do territorio, gobernanza e problemas espiñentos como os da equidade e inxustiza.

Conferencias e eventos
A Asociación de Estudos Rexionais desenvolve un programa de conferencias e eventos internacionais baseados na excelencia que creceu de maneira constante ao longo dos anos e que xoga un papel importante no obxectivo de axudar aos seus membros a difundir a súa investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2018.