Ir o contido principal

A Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo aborda en Lugo os últimos avances científicos e o futuro do sector

Imaxe dunha planta de lúpulo
Imaxe dunha planta de lúpulo
A xestión do cultivo da planta empregada para a elaboración de cervexa, a análise da súa xenética e calidade e a produción de lúpulo orgánico centrarán os debates dun foro mundial que cita en Lugo do 3 ao 7 de xullo máis de 50 investigadores, produtores e os representantes empresariais do sector en Europa, Asia e América
Lugo

A Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo abordará na capital luguesa do 3 ao 7 de xullo os principais avances científicos e técnicos que afectan á xestión do cultivo da planta de lúpulo, empregada para a elaboración de cervexa, así como respecto da mellora da súa xenética, calidade e produción orgánica, no marco dun foro internacional. A convención, organizada en colaboración co grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC reunirá máis de medio centenar de investigadores de todo o mundo, ademais dos principais representantes empresariais do sector en Europa (España, Alemaña, Chequia Eslovenia, Bélxica, Francia, Reino Unido), América (Estados Unidos e Arxentina) e Asia (Xapón).

A celebración desta convención científica bienal en Lugo pon en valor o labor desenvolvido nos últimos anos a prol da recuperación e mellora do cultivo e da produtividade desta planta polo grupo operativo Lúpulos de Calidade, un consorcio participado polas administracións autonómicas de Galicia e Castela León, ademais de por cooperativas de produtores e investigadores da Universidade de León e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, segundo indica o responsable do comité organizador local deste congreso, o profesor Javier J. Cancela.

A presentación dos resultados dos últimos proxectos de investigación desenvolvidos arredor do lúpulo en todas as fases do seu ciclo, desde a xestión e optimización de cultivos ata a elaboración e venda do produto final, capitalizará as distintas sesións organizadas ao abeiro dun congreso que arranca o 3 de xullo, ás 19.15 horas, nas instalacións do Hotel Mercure, cun acto de benvida a expedición internacional por parte da alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez.

Os congresistas participantes compaxinarán as sesións científicas de presentación de resultados de I+D con diversas visitas técnicas, tal e como son as programadas a unha parcela de cultivo de lúpulo no concello de Abegondo ou ás instalacións de Lutega, a cooperativa agrícola galega a prol do cultivo de lúpulo, e ao museo da cervexeira Estrella Galicia (MEGA), na Coruña.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2022.