Ir o contido principal

A Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo organiza o domingo 20 de outubro unha viaxe cultural a O Courel

A Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo celebrará o vindeiro domingo, día 20 de outubro, unha viaxe cultural a O Courel, unha expedición para a que xa teñen formalizada a súa inscrición 40 persoas, que contarán como guía co catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago Manuel Antonio Rodríguez Guitián.

A expedición do IV Ciclo universitario, que partirá en autobús desde a capital luguesa ata O Cebreiro, ten previsto completar unha ruta a pé desde o Alto do Couto pola Devesa da Rogueira ata a Fonte do Cervo, na que chaman a atención dous mananciais, un de auga ferruxinosa e outro de auga calcárea. Logo de completar este trazado, un itinerario de pouco máis de dous quilómetros, os excursionistas farán unha parada para almorzar en Seoane do Courel, desde onde emprenderán logo viaxe a Folgoso. O programa inclúe a visita á aldea de Vilar, na parroquia de Vilamor, onde poderán dar un paseo polo souto de castiñeiros centenarios, visitar a ermida e o castro, que ofrece unha excepcional vista do río Lor.

A viaxe de regreso dos participantes nesta excursión, organizada pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo como actividade complementaria do relatorio sobre os bosques do Courel ofrecido este mércores polo catedrático da USC Antonio Rigueiro, levará aos universitarios sénior por Quiroga no transcurso dun traxecto durante o que tamén poderán observar o pegamento xeolóxico de Campodola.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2013.