Ir o contido principal

A asociación mundial de químicos teóricos e computacionais entrega este martes en Santiago as súas medallas aos científicos máis brillantes

Entre as persoas que recibirán este galardón figura Leticia González, a primeira española en conseguilo

Tras a inauguración este domingo do Congreso WATOC 2011 polo presidente da Xunta de Galicia, os químicos teóricos e computacionais continúan reunidos en Santiago ata o venres 22. Durante a xornada deste martes 19, na que se presentarán 300 comunicacións paralelas, terán lugar no Auditorio de Galicia tres conferencias plenarias a cargo dos gañadores das Medallas de Schrödinger e Dirac que outorga anualmente a WATOC aos químicos computacionais más brillantes do mundo. Os tres relatores recibirán os seus galardóns xusto antes das súas conferencias. Dos tres destaca especialmente a española Leticia Gonzalez, catedrática na Universidade de Jena (Alemaña), galardoada coa Medalla de Dirac en 2011 polas súas excepcionais achegas na descrición da dinámica cuántica de reaccións, de gran importancia para o control de reaccións químicas e, por tanto, sobre a posibilidade de escoller os produtos dunha reacción entre varios posibles. É a primeira vez que un español recibe un galardón da asociación WATOC desde a súa creación en 1982. Leticia Gonzalez (Madrid, 1971) doutorouse na Universidade Autónoma de Madrid con Premio Extraordinario para logo traballar cunha prestixiosa bolsa Humboldt no Instituto Freie da Universidade de Berlin. En 2005 outorgóuselle o Premio SIGMA-ALDRICH para Novos Investigadores da Real Sociedade Española de Química. A partir de outubro pasará a dirixir o Centro de Química Teórica da Universidade de Viena. O seu traballo céntrase principalmente en modelizar a estrutura, espectroscopía e dinámica de sistemas no marco da femtoquímica coa fin de controlar procesos moleculares. A femtoquímica, que estuda as reaccións químicas en períodos de tempo extremadamente curtos, xurdiu en 1999 tras a concesión do Premio Nobel a Ahmed H. Zewail. Esta rama da ciencia trata de entender como se producen as reaccións químicas e por qué unhas se producen e outras non. As outras medallas Tamén intervirá Evert Jan Baerends, da Universidade de Amsterdam (Países Baixos), que recibiu a Medalla de Scrödinger en 2010 polas súas pioneiras investigacións no desenvolvemento de métodos computacionais do funcional da densidade e as súas achegas fundamentais ás teorías dese funcional e da matriz de densidade. Por último, Jeremy Harvey, da Universidade de Bristol (Reino Unido), Medalla de Dirac en 2009 polo seu destacado labor no estudo da reactividade química de compostos de metais de transición, a comprensión da catálise organometálica e o uso da Teoría do Funcional da Densidade en metais de transición. Xornada do luns Desenvolvementos teóricos en química, propiedades ópticas e electroquímicas, simulación de sistemas bioquímicos, nanoestruturas, astroquímica, química das atmosferas ou interaccións de moléculas sobre superficies foron algúns dos temas tratados na xornada deste luns, na que destacaron as intervencións de Leo Radom, da Universidade australiana de Sidney, actual presidente de WATOC e Schrödinger Medal en 1994; e do profesor Henry F. Schaefer, director do Centro de Química Cuántica Computacional da Universidade de Xeorxia que foi nomeado máis de cinco veces aos Premios Nobel. Ademais, unha das sesións da mañá na Facultade de Medicina celebrouse en honra a Joan Bertran, da Universitat Jaume I de Castellón, un dos pais da Química Computacional en España que recibiu numerosos premios polas súas investigacións sobre o deseño por ordenador de catalizadores biolóxicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2011.