Ir o contido principal

A Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais reúne na USC a 1.300 congresistas de 62 países

A Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais reúne na USC a 1.300 congresistas de 62 países
A Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais reúne na USC a 1.300 congresistas de 62 países
O IX Congreso mundial da WATOC é a conferencia máis importante do mundo no campo da química computacional

Máis de 1.300 químicos de 62 países daranse cita en Santiago entre os días 17 e 22 de xullo no IX Congreso mundial da WATOC (World Association of Theoretical and Computacional Chemist), a conferencia máis importante no florecente campo da química teórica e computacional de todas cantas se organizan no mundo. A asistencia a este importante evento científico en Santiago superou todas as expectativas, incrementando nun 60 por cento o número de participantes da pasada edición en Sydney. Os detalles do encontro presentáronos este xoves en rolda de prensa os membros do comité organizador Saulo Vázquez, da USC, e Manuel Yáñez e Otilia Mó, docentes da Universidade Autónoma de Madrid formados na Universidade compostelá. Os tres coincidiron en salientar o alto nivel español, “ e galego nomeadamente”, da química teórica, do que dá conta o sétimo posto mundial que ocupa España no que se refire a produción científica en química (o sexto en química teórica). O congreso inaugurarase este domingo 17 ás 11.00 horas no Auditorio de Galicia nun acto presidido polo responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao que asisten o reitor Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa; o presidente da WATOC, Leo Radom; e a profesora Mó. Logo da apertura a profesora Anne McCoy, editora dunha das revistas científicas máis importantes na materia, pronunciará unha conferencia. As conferencias plenarias e a clausura terán lugar nese mesmo espazo, mentres que as sesións paralelas se desenvolverán na Facultade de Medicina. WATOC outorga cada ano os dous premios máis prestixiosos en Química Teórica e Computacional do mundo, a Schroedinger Medal e a Dirac Medal, restrinxida a segunda aos investigadores máis brillantes menores de 40 anos. Os gañadores dos anos 2009, 2010 e 2011 ofrecerán conferencias plenarias en Santiago; entre eles a española Leticia González, catedrática da Universidade de Jena (Alemania)) e gañadora da Medalla Dirac en 2011. A partir de outubro esta investigadora, alumna de doutoramento da profesora Mó, pasará a dirixir o Centro de Química Teórica da Universidade de Viena. Temática Os temas a tratar irán desde as últimas novidades nos fundamentos da química teórica e computacional, física e ciencias dos materiais ata a aplicación de modelos teóricos a campos tan diversos como biotecnoloxía, medicamentos e deseño de materiais, nanotecnoloxía, física de materia condensada e enxeñaría química e de materiais. Presentaranse un total de 1.217 achegas científicas nesta edición de WATOC, que se dividen en 12 conferencias plenarias e 235 convidadas, 130 comunicacións orais e 840 presentacións en forma de póster. Congresos satélites En torno a esta cita trianual mundial en España celébranse unha serie de congresos satélites nos que participa boa parte dos congresistas de Santiago. Así, esta semana está a ter lugar en Barcelona un encontro dedicado a compartir experiencias e estratexias para tratar materiais inorgánicos, orgánicos e biomateriais e outro en Vigo sobre simulacións en química orgánica. Ao remate da cita compostelá serán Girona e A Coruña as sedes de dous novos eventos científicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2011.