Ir o contido principal

A Asociación de Profesores Universitarios de Radioloxía analiza en Medicina a implantación dos novos planos de estudo

A Asociación de Profesores Universitarios de Radioloxía (APURF), colectivo sen ánimo de lucro que reúne a docentes da área de Radioloxía e Medicina Física, inicia este xoves 16 a súa trixésima reunión nun encontro que se celebrará a partir das 17.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Medicina e que inaugurará o reitor Juan Casares. Estes encontros son unha plataforma para a relación entre profesionais e o debate sobre como mellorar a formación desta área na Universidade española. A edición compostelá, que se desenvolverá ata o próximo sábado 18, está coordinada pola Área de Radioloxía da USC, e nela se prestará atención, a través de relatorios e mesas de debate, á implantación e repercusións do novo plano de estudos nas facultades de Medicina de toda España, concretamente no relativo á situación actual da Radioloxía e á Medicina Física. Logo da sesión inaugural, a partir das 18.00 horas, o profesor e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía, José Carro, fará un repaso sobre os hospitais que existiron na cidade de Santiago entre os séculos IX e XVIII, e o vicedecano da Facultade de Medicina Víctor Arce tratará a implantación do traballo de fin de grao con nivel de máster no plan de estudos de Medicina. Ao día seguinte, o venres 17, as sesións continuarán na Hospedaría San Martín Pinario a partir das 10.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2013.