Asoporcel recibe o XX Premio Aresa
A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) recibiu este venres o XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola USC xunto co grupo empresarial lugués que nesta edición fai un recoñecemento explícito ao labor desenvolvido desde hai dúas décadas por esta entidade a prol da recuperación e a posta en valor dunha raza autóctona, como é o caso do porco celta, e dos seus produtos.
O presidente de Asoporcel, José Manuel Barreira, foi o encargado de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, no transcurso dunha cerimonia na que o reitor da USC, Antonio López, fixo unha acendida defensa das universidades como axentes activos de transformación do territorio e da súa sociedade. Neste senso, López apelou á colaboración coas empresas e tamén coas administracións para traballar conxuntamente a prol dunha sociedade máis sustentable.
O reitor da USC tamén fixo referencia á estratexia galega na que está a traballar a USC xunto coa Xunta para defender as necesidades do seu territorio en Europa xusto cando se está a deseñar as novas condicións da PAC para os próximos anos. Nun abarrotado auditorio da Facultade de Veterinaria, o reitor da USC tamén salientou o labor que se está a facer no Campus de Lugo, agora a través da marca Campus Terra, nos eidos da formación, asesoramento, transferencia e I+D+i e cara a un maior aproveitamento, conservación e desenvolvemento dos sectores produtivos primarios e do territorio.
España baleira
A España baleira tamén centrou a mensaxe do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen se referiu á problemática de avellentamento e despoboamento que se rexistra en Galicia, así como noutras comunidades autónomas de España como unha oportunidade para situar os problemas de Galicia na política nacional e incluso en Europa. “Aragón, Estremadura, Galicia, Castela León, Castela A Mancha e A Rioxa son as seis comunidades autónomas que abranguen máis da metade do territorio de España, aínda que solo concentran o 20% da poboación”, dixo Feijóo, para logo engadir que “a xente vive alí onde hai servizos, polo que o problema do despoboamento require de solucións urxentes das administracións públicas”.
Agradecido polo “importantísimo” galardón recibido, o presidente de Asoporcel, José Manuel Barreira, salientou como principal logro da “pequena” asociación que dirixe e que suma pouco máis dun centenar de granxas de porcino, a preservación dun patrimonio de todos como é a raza de porco celta. Barreira fixo tamén un chamamento a seguir a traballar a prol das razas autóctonas como a de porco celta, “un aliado dos montes para frear os lumes e tamén un aliado das aldeas, xa que a existencia de granxas rendibles pode servir para fixar poboación no medio rural e evitar así o seu despoboamento”. “Nós seguiremos a traballar, pero para avanzar precisamos incorporar máis produtores e tamén que aumente a demanda e o consumo dos produtos de porcino de raza celta, o que contribuiría á rendibilidade das explotacións”, concluíu Barreira.
Alén destas consideracións, Asoporcel, dúas décadas despois do seu nacemento, é unha entidade que abrangue a máis de 135 socios e máis de 3.000 cabezas de gando porcino de raza celta. O volume de facturación desta asociación supera xa o millón de euros ao ano, segundo lembrou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, que, como secretaria do xurado do XX Premio Aresa, comentou que a contribución de Asoporcel á conservación e a posta en valor da raza de porco celta acreditan a concesión deste galardón.
O presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira García, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríiguez Eiras, quen subliñou que Asoporcel encarna os valores cos que naceu o Premio Aresa, completaron a quenda de intervencións dunha cerimonia, no marco da que o catedrático de Medicina Legal da USC e experto internacional en Xenética, Ángel Carracedo Álvarez, quen ofreceu o relatorio ‘A coevolución dos humanos e dos animais.
Representantes da vida política, social e académica
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o conselleiro de Medio Rural, José Vázquez; a secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; a vicesecretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Concepción Burgo; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro; os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación do Campus Elvira López Mosquera e Jesús Varela Zapata, e o ex reitor da USC Darío Villanueva, tamén asistiron a esta cerimonia de entrega do XX Premio Aresa.
O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora de GAIN, Patricia Argerey; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o director do Cetal, Javier Bueno; a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente de Caixa Rural Galega; Manuel Varela; os catro deputados provinciais no Congreso, os senadores do Partido Popular José Manuel Barreiro e Rosa María Arza, parlamentarios autonómicos, deputados provinciais, representantes dos colexios profesionais e da comunidade universitaria, ademais de empresarios, premiados e produtores tamén se deron cita nesta gala.
O palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016); a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, (EPSE) (2017), e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (2018).