O Asorey menos coñecido, nunha mostra en Fonseca

O Colexio de Fonseca acolle dende este mércores e ata o 31 de outubro a mostra ‘O Asorey descoñecido’, coa que se conmemora o 125 aniversario do nacemento do escultor e que xa se puido visitar no Pazo de Torrado de Cambados. Na exposición pode verse unha escolma de obras deste artista realizadas en distintas técnicas, moitas delas en mans de particulares e de difícil acceso para o público xeral. ‘O Asorey descoñecido’ mostra bosquexos, a maior parte escaiolas, pero tamén grandes esculturas en soporte fotográfico e a escasa produción pictórica do artista cambadés en pezas a lapis, óleo ou algunha ilustración. Entre as obras da exposición figuran tamén producións en madeira, bronce, mármore ou granito. A mostra compleméntase con outra pequena na Facultade compostelá de Medicina na que o propio Asorey foi durante décadas o seu escultor anatómico. Precisamente, neste ano o centro dedícalle como homenaxe o día de San Lucas, patrón do centro, o vindeiro día 18. A inauguración da exposición tivo lugar nun acto presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, no Colexio de Fonseca e no que tamén participan o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde; o secretario da Asociación cultural Francisco Asorey, Vicente Pérez Otero; e a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Mª José Corral. Como explicou o reitor, unha parte importante da obra de Asorey está integrada na xeografía urbana de vilas e cidades “aínda que hai outra máis inexplorada, centro desta exposición que non é máis que un merecido tributo ao traballo dun universal compostelán de adopción e que servirá de reveladora de segredos deste fascinante artista”.