Ir o contido principal

Astronomía para todos os públicos

Astronomía para todos os públicos
Astronomía para todos os públicos
O Observatorios Astronómico Ramón María Aller organiza un congreso destinado ao público xeral con conferencias e obradoiros prácticos

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC vai organizar entre os días 9 e 11 de outubro un Congreso Público de Astronomía destinado ao público en xeral baixo o lema ‘O camiño das estrelas. As estrelas do camiño’. Incluída na programación do Xacobeo 2010, trátase dunha iniciativa na que se mesturarán conferencias e relatorios impartidos por destacados especialistas pero presentadas nun nivel accesible para todos os públicos. A vertente máis práctica do congreso recaerá nunha serie de xornadas de observación astronómica xunto ás que se van celebrar obradoiros sobre conceptos básicos de Astronomía, de reloxos de sol e sobre telescopios. O público que se decida apuntarse, no que se ofertan 100 prazas por limitacións do aforo, poderá asistir as conferencias de destacados especialistas procedentes dos Institutos de Astrofísica de Canaria e de Andalucía, do Grupo de Mecánica Espacial da Universidade de Zaragoza, da Casa das Ciencias da Coruña, da Agrupación Astronómica de Sabadell, do Observatorio Astronómico Nacional, do Instituto de Física de Cantabria, da Rede Española de Bólidos e Meteoritos, do Laboratorio CAF da Facultade de Física e do grupo de investigación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

As inscricións xa se poden formalizar enviando un correo electrónico a oasec [at] usc.es (oasec[at]usc[dot]es), incluíndo datos persoais, DNI, teléfono de contacto e, de ser o caso, a vinculación coa USC, se existe. Ademais, para consultar o programa do encontro e acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á paxinas web do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (http://www.usc.es/astro).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2010.