Ir o contido principal

Ata o 12 de xaneiro poden solicitarse as axudas para actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural

As axudas permiten organizar actividades culturais, deportivas e divulgativas, entre outras
As axudas permiten organizar actividades culturais, deportivas e divulgativas, entre outras. Detalle dunha representación da Aula de Teatro de Lugo
As achegas diríxense a Consello do Estudantado e centros e as propostas deberán estar abertas a toda a comunidade universitaria, incorporar a perspectiva de xénero, usar a lingua galega e prever o seu impacto ambiental
Lugo, Santiago de Compostela

Os centros da USC e mais o Consello do Estudantado xa poden solicitar as axudas destinadas ao desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural convocadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura para o ano 2024. As propostas, que poderán presentarse ata o día 12 de xaneiro, teñen como finalidade dinamizar a vida das facultades e das escolas universitarias de tal xeito que sexan estas, xunto co Consello do Estudantado, as  protagonistas no deseño e execución de actividades que estean ligadas aos intereses do seu estudantado.

Só se poderá formular unha actividade por solicitude, as cales deberán ser presentadas pola persoa que represente o Consello de Estudantes, pola decana ou decano ou ben pola directora ou director dun centro da USC, que será a persoa encargada de realizar todos os trámites pertinentes coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, con respecto á presentación da solicitude, execución e xustificación da actividade. A iniciativa proposta, aberta ao conxunto da comunidade universitaria, ten que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución, alén de recoller unha previsión do seu impacto ambiental e de contar co aval dun mínimo de 20 estudantes por centro participante. A actividade deberá empregar a lingua galega e terá que executarse antes do 15 de novembro de 2024.

Entre os criterios de valoración das propostas, terase en conta o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil (20 puntos), o apoio do estudantado e implicación na organización das actividades (20 puntos), a calidade e adecuación da actividade ao obxecto da convocatoria (20 puntos), a adecuación do orzamento solicitado á actividade (20 puntos), a descrición da estratexia de difusión que se fará da actividade (10 puntos), así como a das ferramentas de avaliación do éxito da iniciativa (10 puntos).

As solicitudes deberán presentarse na sede electrónica no procedemento ‘Convocatoria de axudas para actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural nos centros da USC exercicio 2024’. A comisión avaliadora estará integrada pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, delegado do Reitor para o Deporte, delegada do Reitor para a Igualdade, representante dos decanatos e direccións de centros docentes, representante do Consello do Estudantado, así como representantes dos ámbitos cultural e deportivo de Galicia. A secretaría será proposta pola Xerencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.12.2023.