Ir o contido principal

A atención educativa a nenos con sordocegueira centra unha sesión informativa na Facultade de Formación do Profesorado

Mercedes Fernández, Pilar Vázquez e Andrés Martínez, do Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra, ofrecen unha charla este xoves no centro lugués

A atención educativa a nenos con sordocegueira centrarán este xoves, a partir das 10.00 horas, unha sesión informativa na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, na que intervirán como relatores Mercedes Fernández Cons, Pilar Vázquez Blasco e Andrés Martínez Puente, do Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra.

A definición da sordocegueira dentro da Once, as patoloxías visuais que cursan con esta patoloxía, a heteroxeneidade e a clasificación da poboación sordocega, así como os sistemas de comunicación que empregan, o proceso de valoración e atención ás persoas afectadas por parte do equipo profesional, o proceso educativo e as áreas específicas de atención a este colectivo serán algunhas das cuestións abordadas polos relatores no marco desta sesión informativa, que se desenvolverá no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado.

A charla, de asistencia libre e gratuíta para todas as persoas interesadas, está aberta á participación de profesionais que desenvolven o seu traballo en centros que atenden a persoas con sordocegueira en Galicia, ademais de estudantes e outros profesionais cuxa actividade laboral está relacionada coa atención a persoas sordocegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2015.