Ir o contido principal

Atopan unha nova diana implicada no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico

Grupo de Metabolismo Molecular
O novo traballo foi desenvolvido polo equipo de Metabolismo Molecular, en colaboración con outros grupos de diversos centros internacional
A través da inhibición da proteína ATG3, mellora o metabolismo da graxa incrementando a función mitocondrial e diminuíndo a acumulación de graxa e o dano no fígado

Un estudo recente descubriu unha nova diana implicada no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico para a que, polo momento, non existe tratamento. Trátase da proteína ATG3, presente en niveis altos no fígado de pacientes con esta patoloxía e que, ao inhibila, mellora o metabolismo da graxa incrementando a función mitocondrial á vez que diminúe a acumulación de graxa e o dano neste órgano. Así o constata o traballo desenvolvido polo grupo de Metabolismo Molecular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) e que foi publicado nunha das revistas máis relevantes neste campo de investigación Journal of Hepatology.

Segundo diversos estudos, esta enfermidade sófrena na actualidade unha de cada catro persoas no mundo , o que representa preto de dous mil millóns de doentes. Nas súas fases iniciais, a enfermidades comeza coa acumulación de graxa no fígado (cun 5% de graxa é suficiente para clasificar o fígado como graxo), pudendo progresar a enfermidades máis graves, como esteatohepatite no alcohólica, cirrose ou cancro. O aumento da prevalencia do fígado graxo non alcohólico tanto en países desenvolvidos como en subdesenvolvidos tena convertido na causa máis común de transplantes de fígado.

Para a realización deste estudo utilizouse unha cohorte de 117 pacientes humanos, 85 con diferentes estadios da enfermidade e 32 co órgano san. “O uso de mostras humanas de ata 117 doentes é un punto forte do traballo porque axuda a verificar que o noso achado en modelos preclínicos ten validez e potencialmente pode ser aplicable a seres humanos e, ademais, supón un tremendo esforzo de coordinación por parte de especialistas de tres hospitais estatais: Hospital Universitario Santa Cristina (Madrid), Hospital Universitario Marqués de Valdecilla (Santander) e Hospital Universitario Virgen del Rocío (Sevilla)”, explica o equipo de investigación do CiMUS implicado no traballo.

Os resultados mostraron que os pacientes con fígado graxo non alcohólico teñen niveis elevados de ARG3, unha proteína ata agora coñecida polo seu papel na autofaxia, proceso polo que a célula destrúe material celular inservible. O mesmo foi observado en fígado de ratos alimentados con dieta alta en graxa, así como en células humanas hepáticas. Así, “tense conseguido demostrar un mecanismo de reversión da acumulación de graxa no fígado, convertendo ATG3 nunha posible diana terapéutica contra esta doenza”, sinalan Natália Lima e Eva Nóvoa, autoras principais da investigación xunto con Marcos Fernández. Como engade, isto ocorre porque a inhibición de ATG3 provoca o aumento de Sirtuina 1 (SIRT1) e Carnitina Palmitoiltransferasa 1 a (CPT1a), dúas proteínas involucradas na función mitocondrial.

Esta investigación, titulada Inhibition of ATG3 ameliorates liver steatosis by increasing mitochondrial function, é froito do traballo de Natália da Silva Lima, Marcos Fernandez Fondevila e Eva Nóvoa Deaño del grupo Metabolismo Molecular del CiMUS, coordinado por Rubén Nogueiras Pozo, e na que tamén participaron os equipos de investigación do CiMUS coordinados por Miguel López e Carlos Diéguez, así como grupos da Universidade do País Vasco, CIC bioGUNE (Bilbao), do Instituto Xenómico Europeo para a Diabetes (Francia), do CNIC (Madrid), das universidades de Coimbra (Portugal) e de Lübeck (Alemaña), do Hospital Universitario Santa Cristina (Madrid),  do Instituto de Investigación Biomédica August Pi iSunyer (Barcelona), así como do CIBEREHD e CIBERDEM.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2021.