Ir o contido principal

O auditorio Gustavo Freire de Lugo acolle este xoves a proxección do filme ‘Dhogs’, no marco do ciclo Lubicán 2018

Secuencia do filme
Secuencia do filme
A proxección da ópera prima de Andrés Goteira comeza ás 21.00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

O filme ‘Dhogs’, ópera prima do cineasta Andrés Goteira e que vén de ser a gran triunfadora da última edición dos premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual obtendo trece galardóns, proxectarase este xoves 15 de marzo, a partir das 21.00 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.

Esta actividade, que se enmarca dentro do ciclo Lubicán, impulsado ao abeiro do convenio Lugo Cultural asinado por USC, Concello e Deputación de Lugo, contará coa presenza de parte do equipo. Ademais do propio director, asistirán as actrices María Costas e Melania Cruz, así como o actor Xosé López; no acto tamén estarán presentes os produtores Sara Horta, Suso López, Adrián Folgueira e Javier Lopa; a directora de Arte Noelia Vilaboa; e a directora de Fotografía Lucía C. Pan, entre outros. As entradas recolleranse no propio auditorio media hora antes da proxección e non estarán numeradas. O aforo atópase limitado a 800 persoas.

O filme ‘Dhogs’ conecta seis tramas que alternan a intriga, a obsesión e a sensualidade. Trátase dunha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar. O filme está producido por Gaitafilmes e Pixel films.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2018.