A Aula de Produtos Lácteos celebrará unha xornada sobre o control de calidade na manipulación de alimentos
A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebrará este xoves 24 unha xornada formativa co título ‘Hixiene e manipulación de alimentos nas industrias lácteas. O papel dos operadores no control da calidade’. A temática desta xornada está centrada nos coñecementos necesarios para garantir a calidade hixiénica nos produtos elaborados nas industrias lácteas.
A lexislación, tanto autonómica como nacional, especifica as normas que deben cumprir as empresas e os traballadores en relación á manipulación de alimentos. Un dos primeiros requisitos é que todos os operarios de empresas destes sectores deben recibir, nos primeiros 30 días de traballo, unha formación en hixiene e manipulación dos alimentos adaptada á súa actividade.
Pola súa banda, as empresas dispoñen dun sistema de autocontrol baseado no sistema APPCC para asegurar a hixiene dos seus produtos, sistema que os operarios deben coñecer facilitando o seu adecuado funcionamento.
Para desenvolver esta temática, elaborouse un programa de traballo que se alongará entre as 16:00 e as 20:30 horas e que estará a cargo dos docentes do centro Luis Aldeanueva Potel e Alfonso Pérez Quintáns.