A Aula de Produtos Lácteos clausura o proxecto europeo Interlab cunha xornada sobre reoloxía no Recinto Feiral
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle este xoves a xornada ‘A reoloxía e o análise de textura aplicadas aos produtos alimentarios’, organizada para celebrar a clausura do proxecto europeo Interlab, liderado pola Aula de Produtos Lácteos da USC.
Un total de 30 persoas, entre socios do proxecto, empresarios e estudantes da Escola Politécnica, participarán nesta xornada na que se afondará sobre a importancia da textura dos alimentos como condicionante da produción e da aceptación do consumidor.
De feito, trataranse as bases da texturometría e a reoloxía e as súas múltiples aplicacións na industria alimentaria nas fases de desenvolvemento dun novo produto, no estudo dos cambios do alimento no proceso produtivo e no control de calidade do produto acabado. Estes parámetros teñen tamén un gran valor á hora de deseñar equipos ou predicir se a planta de procesado se adaptará a un produto, axudando a determinar as posibles modificacións para a optimización do proceso.
O programa desenvolverase durante todo o día, dende as 9:30 da mañá, e ás 12:30 terá lugar a clausura oficial do programa Interlab, na que participará o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Industria, Salustiano Mato de la Iglesia.
O proxecto Interlab, ‘Rede de laboratorios de apoio á industria agroalimentaria á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’, naceu co obxectivo de optimizar a relación das empresas deste sector cunha rede de centros que realicen unha oferta integrada de servicios de apoio ao I+D+i e ao control de calidade.
Dentro do proxecto está integrado como xefe de fila a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, ademais do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco-Cecopesca) dentro da comunidade autónoma. Súmanse tamén outras tres institucións portuguesas.
Durante os dous anos de vixencia centraron os seus esforzos en constituír unha rede coherente de I+D+i para abranguer a problemática da innovación da Industria Alimentaria da Eurorrexión, analizar a oferta e a demanda de servizos de apoio ao control de calidade das empresas, elaborar unha metodoloxía de apoio ás Peme nos aspectos necesarios de innovación e políticas de calidade para incentivar o desenvolvemento tecnolóxico e económico da zona, valorizar as instalacións e tecnoloxías dos laboratorios participantes, establecer mecanismos de cooperación e deseñar unha campaña de difusión coa súa propia web.