Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos confeccionará un panel de consumidores para realizar estudos de mercado

Están invitados a formar parte da base de datos todos os lugueses, que recibirán unha remuneración por cada proxecto no que participen

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo invita a todos os lugueses a participar na elaboración dun panel de consumidores, que permitirá estudar as tendencias do consumo e o grao de aceptación e preferencia de determinados produtos. A finalidade desta iniciativa é contar cunha base de datos de consumidores lugueses para a realización de estudos de análise sensorial.
Segundo explicaron hoxe o director da APL, Juan Méndez Dónega, e a responsable do seu Laboratorio de Propiedades Físicas, Raquel Baixauli, tentarán dar a coñecer aos lucenses esta iniciativa a través dunha campaña de promoción.
Os dous especialistas explicaron que o estudo das preferencias do consumidor mediante a realización de catas hedónicas é unha das ferramentas máis útiles coas que conta o empresario, xa que permite coñecer de antemán a resposta do mercado fronte ao seu produto. Este estudo pode basearse en aspectos como a cor, textura, sabor, olor, prezo, deseño e información do envase, entre outros moitos. En ocasións, estes estudos deben realizarse por grupos, atendendo a rangos de idade, sexo, etc.
Para poder realizar todos estes análises e estudos é importante contar cunha ampla base de datos de persoas que queiran formar parte deste panel de consumidores, xa que os seus diferentes puntos de vista e opinións son importantes como nexo de unión entre o equipo de desenvolvemento do produto e o márketing dunha empresa.
Para poder participar nesta iniciativa os consumidores interesados poden facelo a través da web www.tecal.net seguindo o enlace ‘Rexistro de consumidores’, chamando ao teléfono 982 252 231 ou a través do fax 982 251 611, indicando nome, dirección e teléfono de contato.
Unha vez rexistrado, o persoal da Aula de Produtos Lácteos poñerase en contacto coas persoas e lles invitará a participar nunha cata, dándolles a información necesaria sobre o proxecto de investigación, lugar, día e hora. Facilitarase a asistencia aos membros do panel realizando catas en distintas datas e horas. Terán unha duración de media hora e todas elas serán remuneradas para os participantes.
Os membros do panel poderán permanecer no mesmo todo o tempo que o desexen e tomar parte nos proxectos de investigación que lle sexan convintes, podéndose dar de baixa cando o estimen oportuno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2008.