Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebra este xoves unha xornada para falar da situación actual do sistema de autocontrol da industria láctea

A Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APPCC) é o tema central da xornada que se inaugura este xoves 29, ás 16:30 horas, na Aula de Produtos Lácteos lucense da USC co título ‘Perspectiva actual do APPCC na industria láctea’.
Neste encontro farase un percorrido pola situación deste sistema de autocontrol, transcorridos dez anos da súa posta en marcha. A través dos relatorios da xornada avaliarase o esforzo realizado polas empresas para adaptarse a este sistema e farase unha revisión das tendencias e esixencias actuais en relación a este método de control, de obrigado cumprimento dende o 1 de xaneiro de 1998.
Ofrecerase tamén unha ampla perspectiva dos condicionantes actuais para construír procedementos de control adecuados e rigorosos, achegando solucións prácticas que faciliten o labor das empresas.
A xornada será inaugurada polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o delegado provincial da Consellaría de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois. As intervencións darán comezo ás 17:00 horas da man de Xosé Luís Arias Pérez, inspector veterinario da Oficina Agraria Comarcal de Chantada, e Jacinto Ramos Echaniz, xefe de zona dos Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública.
Ás 18:45 intervirá Alfonso Pérez Quintans, da Aula de Produtos Lácteos de Lugo, para falar da actualización de manuais APPCC. Rematará a xornada Santiago Argüeso Armesto, director técnico de Pexego Sistemas Informáticos, coa conferencia titulada ‘Unha solución informática ao control da trazabilidade na industria láctea’.
Nesta xornada participan un total de 40 persoas, entre alumnos da Aula e empresarios e traballadores da industria láctea galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2007.