A Aula de Produtos Lácteos da USC mellora con recursos e-learning a formación agraria en Mongolia

O Campus Terra da USC avanza na capacitación e-learning de profesores e investigadores de universidades de Mongolia especializadas nos ámbitos agrario e agroalimentario coa celebración dun webinar internacional no que participaron como relatores técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, ademais doutros investigadores do Agrocampus Ouest (Francia).
A actividade formativa organizada ao abeiro do proxecto Apoio educativo a programas universitarios agrarios e agroalientarios en Mongolia (APFAA), unha iniciativa que recibe financiamento do programa Erasmus Plus e que está coordinada desde o Campus Terra da USC polo catedrático Manuel Marey, contou entre os seus participantes con profesores da USC e do Agrocampus Ouest da Universidade de Rennes, ademais de docentes e investigadores de tres institucións académicas de Mongolia, como o son a Mongolian University of Sciencie and Tecnhnology (MUST), National University of Mongolia (NUM) e a Mongolian University of Life Science (MULS).
A sesión, que serviu de colofón ao proxecto que lidera no Campus de Lugo o profesor Marey, desenvolveuse de xeito telemático ao longo dunha xornada na que o técnico superior de investigación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC Luis Aldeanueva fixo unha presentación da plataforma tecnolóxica asentada na sede universitaria luguesa, así como dos servizos formativos que ofrece a APLTA a estudantes, empresas e particulares.
De seguido, a responsable de Formación da APLTA da USC Rebeca Carballo e Gabriel Jalam, do Agrocampus Ouest da Universidade de Rennes, ofreceron cadanseu relatorio sobre temas de carácter técnico, pedagóxico e informático da teleformación para guiar as universidades de Mongolia na futura implantación da súa propia plataforma de formación en liña.
