Ir o contido principal

A Aula de Teatro da USC estrea 'As raíñas'

Cartel de 'As raíñas', última produción da Aula de Teatro da USC
Cartel de 'As raíñas', última produción da Aula de Teatro da USC
A posta en escena será o vindeiro martes 11 no Teatro Principal

A Aula de Teatro da USC estreará o vindeiro martes, día 11, a súa última produción teatral, As raíñas, de Werner Schwab, adaptación literaria do seu coñecido texto As presidentas realizada por Roberto Salgueiro, quen tamén dirixe a peza. A función terá lugar no Teatro Principal ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta, previo paso polo despacho de billetes que estará aberto desde as 18:00 horas.
Tres mulleres que comparten o mesmo espazo, a casa de Modesta, falan e discuten entre elas. Falan da vida, de todo e de nada, para poñer en cuestión a súa sociedade. O texto de Schwab xoga coa linguaxe, co valor soez da palabra e coa propia violencia para rir do home. A proposta da compañía da Aula de Teatro da USC trata de acomodar esta historia á realidade do noso país, suxeito, como Austria, ás tensións políticas e sociais da segunda metade do século XX.
Schwab (nado en Austria no 1958 e finado no 1993) é considerado xa un clásico da literatura dramática contemporánea cuxa obra está amplamente representada en todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2008.