Ir o contido principal

A Aula de Teatro da USC levanta o pano da súa última estrea 'Xogos á hora da sesta'

A Aula de Teatro da USC estrea o vindeiro domingo 25 a súa última produción, ‘Xogos á hora da sesta’, que baixo a dirección de Cándido Pazó adapta a obra da dramaturga arxentina de orixe polaca Roma Mahieu, prohibida no seu momento e merecedora de numerosos premios sendo un dos textos máis representados e versionados no espazo teatral iberoamericano.
A estrea celebrarase ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago con entrada libre, previo paso polo despacho de entradas que estará aberto dende as 18:00 horas.
‘Xogos á hora da sesta’, texto que a Aula de Teatro presentará nunha versión-adaptación reducida, foi escrito por Roma Mahieu durante a ditadura en Arxentina sendo extrapolable, en opinión dos responsables da produción compostelá, “a todo tempo e circunstancia” xa que “o xogo da vida é sempre un xogo de dominio e sumisión, rebeldía e complicidade, implicación e inocencia, inhibición ou inconsciencia”.
A autora arxentina constrúe nesta ocasión unha metáfora para ser interpretada por adultos que xogan ao neno que levan dentro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2009.