Ir o contido principal

A Aula de Teatro da USC representa este martes 'As Raíñas', de Werner Schwab

IX Mostra de Teatro Universitario de Galicia

A Aula de Teatro da USC pon en escena este martes, 3 de xuño, a súa última produción teatral, As raíñas, de Werner Schwab, adaptación literaria do seu coñecido texto As presidentas realizada por Roberto Salgueiro, quen tamén dirixe a peza. A función terá lugar no Salón Teatro ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta, previo paso polo despacho de billetes.
Tres mulleres que comparten o mesmo espazo, a casa de Modesta, falan e discuten entre elas. Falan da vida, de todo e de nada, para poñer en cuestión a súa sociedade. O texto de Schwab xoga coa linguaxe, co valor soez da palabra e coa propia violencia para rir do home. A proposta da compañía da Aula de Teatro da USC trata de acomodar esta historia á realidade do noso país, suxeito, como Austria, ás tensións políticas e sociais da segunda metade do século XX.
Schwab (nado en Austria no 1958 e finado no 1993) é considerado xa un clásico da literatura dramática contemporánea cuxa obra está amplamente representada en todo o mundo.
Montaxe premiadaA Compañía da Aula de Teatro da USC rematou a mediados de maio unha xira que a levou a Alemaña e Lituania con esta produción de Schwab.
En Lituania participou na novena edición do International University Theatre Forum compartindo escenario con compañías de Rusia, Bulgaria, Romanía, Bielorrusia e Lituania. Alí a compañía compostelá recibiu o premio á mellor montaxe así como á mellor interpretación feminina, recoñecemento que recaeu na actriz Ana Moraña pola súa interpretación da personaxe de Modesta.
No seu conxunto, o xurado recoñeceu a sutilidade do traballo así como a capacidade de comunicación emocional, máis alá das cuestións lingüísticas, xa que a función foi interpretada en lingua galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2008.