Ir o contido principal

A Aula TIC-Pemes da USC achega as aplicacións web baseadas en software libre ás Pemes e asociacións

Achegar ás pequenas e medianas empresas e ás asociacións as posibilidades que as aplicacións web baseadas en software libre ofrecen é o obxectivo dunhas xornadas organizadas pola Aula TIC-Pemes da USC que este xoves 27 celebra a súa segunda e última sesión.
No Centro de Estudos Avanzados, en horario de 18:00 a 21:00 horas, o programa previsto para este xoves estará dedicado ás aplicacións vTigerCRM e Alfresco, de xestión das relacións con clientes e asociados e da xestión documental. Na súa maioría os asistentes ao curso son representantes de Pemes e de asociacións de Santiago e da súa comarca.
Baixo o lema ‘As aplicacións web de software libre para Pemes e asociacións’, nas xornadas os asistentes entrarán en contacto con distintas aplicacións xa operativas con grande éxito para a xestión de intranets e teleformación, xestión documental, relacións cos clientes ou asociados e xestión de contidos e portais web.
As sesións inclúen ademais a análise de exemplos reais de interese, coñecendo en detalle as potencialidades de cada ferramenta para comprobar as súas capacidades e usabilidade de cara á súa instalación e posta en marcha. De xeito paralelo, exporáselles aos asistentes algunhas das ferramentas de software libre que actualmente están a ser usadas en grandes empresas e multinacionais, universidades ou organismos administrativos nacionais e internacionais.
Cun alto compoñente práctico, as dúas xornadas previstas consistirán en cadansúa conferencia introdutoria que dará paso a demostracións e exemplos das aplicacións tratadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2008.