Ir o contido principal

A Aula TIC-Pemes da USC busca achegar as tecnoloxías ao tecido empresarial a través da publicación dixital SiPYMEs

Portada do número cero da revista SiPYMEs
Portada do número cero da revista SiPYMEs
A revista SiPYMEs é de carácter divulgativo e nace co obxectivo de facilitar a adaptación das empresas de menor tamaño á sociedade da información

A Aula TIC-Pemes da USC pretende achegar as novas tecnoloxías da información e a comunicación, ao tecido empresarial a través da publicación electrónica SiPYMEs, unha revista dixital, de carácter divulgativo e periódico, que recolle e difunde artigos de actualidade vinculados cos beneficios que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ofrecen ás pemes.

SiPYMEs nace co obxectivo de facilitar a adaptación das empresas de menor tamaño á sociedade da información, eliminando as diferenzas que puidesen existir entre este e outro tipo de empresas en relación coa utilización das TIC. Deste xeito, a través desta nova publicación electrónica, a Aula TIC-Pemes da USC pretende involucrar ás persoas responsables de pequenas e medianas empresas na contorna luguesa e galega no ámbito das TIC. De feito, SiPYMEs constitúe un novo instrumento de difusión e de coñecemento que recolle reflexións ou experiencias reais, relatadas polos propios/as empresarios/as, emprendedores/as e expertos/as na aplicación do TIC desde unha perspectiva empresarial. O formato electrónico outorga a SiPYMEs a posibilidade de acceso desde calquera punto da xeografía mundial, a súa actualización permanente e a interacción do público coa revista. Neste senso, SiPYMEs pretende crear unha comunidade de persoas relacionadas ou interesadas co ámbito das TIC e a súa aplicación nas empresas que poidan actuar entre si de diversos modos ao longo do tempo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2015.