Ir o contido principal

A aula TIC-PEMEs da USC entrega os diplomas da primeira edición do proxecto ‘Abrimos unha ventá ao mundo para ti’

No curso participaron dez persoas con discapacidade intelectual e dez voluntarias do campus lucense que recibiron formación no ámbito das novas tecnoloxías

A Aula TIC-Pemes, con sede na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC en Lugo, celebra o venres 4 a entrega de diplomas aos participantes da primeira edición do curso ‘ Abrimos unha ventá ao mundo para ti’, de formación en novas tecnoloxías a persoas con discapacidade. O acto terá lugar na Aula Magna da Facultade a partir das 18.30 horas. Os alumnos do curso foron dez persoas con discapacidade intelectual pertencentes á asociación Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, ás que durante sete semanas se lles achegou formación en aspectos como informática básica, navegación en internet e manexo de aplicacións como procesadores de texto e sistemas de xestión do correo electrónico ou para a mensaxería instantánea. Durante as 50 horas do curso, que se desenvolveu na propia facultade de ADE, os alumnos estiveron acompañados de xeito personalizado por dez voluntarias (todas elas estudantes de diversas titulacións do campus lucense), ás que tamén se lles recoñecerá o seu labor durante a entrega de diplomas. Este proxecto xurdiu dentro dunha nova liña de actividade dentro da Aula dirixida pola profesora Ángeles López Cabarcos, que ademais de asesorar e formar as empresas no eido das novas tecnoloxías, puxo en marcha estoutra área de traballo, máis orientada ao ámbito social. “O ano pasado xa desenvolvemos unha actividade similar para persoas maiores con moi bos resultados, e a experiencia deste curso anímanos a seguir facendo máis cousas deste tipo. Para o próximo curso gustaríanos organizar outro proxecto para discapacitados intelectuais, porque é un colectivo co que resulta especialmente gratificante traballar pola súa implicación e polos resultados que se conseguen”, indica Ángeles López. O padriño do acto será o director dunha das oficinas de Novagalicia Banco na capital lucense Gonzalo Díaz Buján, voluntario na asociación Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2012.