Ir o contido principal

A Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada do grao en Medicina examina a preto de 400 futuros profesionais

A Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada do grao en Medicina examina a preto de 400 futuros profesionais
A Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada do grao en Medicina examina a preto de 400 futuros profesionais

144 consultas funcionando de forma simultánea entre as 8.00 e as 20.00 horas foron o escenario no que esta fin de semana se celebrou a Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada (ACOE), o bloque práctico do Traballo Fin de Grao de Medicina, e ao que se someteron un total de 381 alumnos/as na área de consultas externas do Hospital Clínico Universitario. Contando co alumnado, para a realización da proba foi necesario mobilizar a preto de 800 persoas incluíndo profesorado da USC, médicos e persoal sanitario do Hospital Clínico Universitario e doutros hospitais así como de centros de saúde da comunidade e persoal de administración e servizos universitario.

O alumnado distribuíuse en tres sesións con sete rodas simultáneas na primeira e outras seis nas outras dúas sesións. Cada unha das rodas desenvolveuse en 20 estacións de 10 minutos distribuídas do seguinte xeito: seis estacións de medicina; cinco de cirurxía; unha de xinecoloxía, outra de otorrinolaringoloxía, de oftalmoloxía e de radioloxía; dúas de psiquiatría; outras dúas de pediatría; e unha última de Reanimación Cardiopulmonar (RCP). Destas estación, oito contaron coa participación dun paciente estandarizado (dúas delas co apoio dun manequín), outras tres baseadas en manequíns, dúas pictográficas (a partir de imaxes clínicas) e as tres restantes, estacións de elaboración de informes a partir dos casos clínicos representados polos pacientes estandarizados.

Toda a estrutura da proba axústase ás directrices da Conferencia Nacional de Decanos da Facultade de Medicina (CNDM). Durante a proba realizouse unha auditoria vía Skipe por parte de representantes da Conferencia que verificaron o proceso de realización da ACOE. O obxectivo é utilizar este material, Xunto cun informe escrito con soporte audiovisual, para a súa acreditación pola CNDM. A realización de ACOE “é fundamental para garantir a calidade da docencia do grao de Medicina ao permitirnos detectar as competencias nas que é preciso mellorar a formación do alumnado, asegurando un proceso de mellora continua de calidade”, valora o decano Juan Gestal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2017.