Ir o contido principal

Avaliacións gratuítas de CO expirado na Universidade de Santiago

Unha universitaria realizando unha medición de CO expirado
Unha universitaria realizando unha medición de CO expirado
A actividade enmárcase dentro da campaña de prevención do tabaquismo 'Deixa o fume fóra'

No marco da campaña de prevención de tabaquismo da USC, nos centros docentes de Santiago e Lugo estanse a realizar avaliacións de CO expirado a todos os membros da comunidade universitaria que o desexen, ademais de ofrecer información sobre os programas de apoio psicolóxico e médico que se levan a cabo nas unidades de deshabituación.
Ata o pasado 4 de maio as mesas informativas estiveron presentes en 17 centros, nas que se realizaron máis de 470 avaliacións de CO expirado. A vindeira semana, o 14 de maio, será a quenda da Facultade de Veterinaria.
O monóxido de carbono e a súa medidaO CO é un gas incoloro, moi tóxico, que se produce na combustión de materiais como o petróleo, a gasolina, madeira ou tabaco. O perigo deste gas reside en que impide o correcto abastecemento de osíxeno aos tecidos e órganos, o que inflúe na produción de infartos de miocardio e outras enfermidades circulatorias e pulmonares.
A medición de CO a través do aire expirado é sinxela de realizar, barata, non invasiva, e proporciona unha idea do estado de saúde da persoa. Esta medida ten valor sobre todo como referencia para comprobar a evolución dos fumadores no proceso de abandonar o hábito do tabaco.
Esta campaña está promovida e organizada conxuntamente pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, o Servizo de Vixilancia da Saúde, a Unidade de Tabaquismo e o Servizo de Medicina Preventiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2007.