Avalían o uso de encrucillados como ferramenta para a aprendizaxe de terminoloxía veterinaria
A Facultade de Veterinaria da USC e o Royal Veterinary College da Universidade de Londres avalían o uso de encrucillados como ferramenta para a aprendizaxe de terminoloxía veterinaria, a través dun programa piloto de innovación educativa promovido polos investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da USC Cristina Castillo e Ángel Abuelo e supervisado polos pedagogos do Royal Veterinary College.
Este proxecto, a través do que os investigadores e docentes da Facultade de Veterinaria da USC pretenden facilitar e favorecer a aprendizaxe da terminoloxía veterinaria, xurde logo de advertir as dificultades do estudantado para familiarizarse e asumir como propia a terminoloxía da profesión, segundo indica Abuelo. “Cremos que esta eiva obedece a que na actualidade a maioría do alumnado de Veterinaria comeza o seu periplo universitario sen ter cursado antes estudos de latín e ou grego, cando moitos dos termos teñen estas etimoloxías”, precisa este investigador. Ángel Abuelo subliña asemade que desde a entrada en vigor do plan Boloña e da conseguinte avaliación continua, os estudantes saben os conceptos e sábenos explicar, aínda que non son capaces de empregar a nomenclatura correcta. Con esta nova experiencia buscamos o dobre obxectivo de reducir a dificultade da aprendizaxe a través da introdución dun elemento de xogo serio, tal e como pode ser o uso de encrucillados, engade. O proxecto, aberto á participación de estudantes de primeiro curso de grao en Veterinaria da USC, está aínda nunha fase inicial e mantén aberta a inscrición. Aínda así, á espera de acadar os primeiros datos preliminares, os promotores destes proxecto confían en ter uns resultados positivos, xa que o emprego de encrucillados na docencia ten resultado satisfactorio noutras disciplinas, aínda que non referíndose exclusivamente a cuestións de terminoloxía. Unha vez concluído este estudo piloto e á vista dos resultados obtidos, os investigadores da Facultade de Veterinaria implicados neste proxecto de innovación educativa estudarían a posibilidade de facer un estudo formal da súa implantación nas distintas materias do grao de Veterinaria, ademais dun estudo multicentro. Ángel Abuelo, que na actualidade está a completar o MSc in Veterinary Education no Royal Veterinary College londinense, sinalou que a participación do RVC neste proxecto vai máis alá do asesoramento do seu equipo de pedagogos veterinarios, xa que tamén apoia este programa con 300 libras, unha contía económica coa que se financiarán tres dos premios sorteados entre o alumnado participante. Respecto da implicación do estudantado neste programa, Abuelo indica que a experiencia está a resultar satisfactoria, pois aínda que a inscrición segue aberta “xa temos apuntados un número significativo de estudantes de primeiro curso, que son os que están menos expostos á terminoloxía veterinaria”.