Ir o contido principal

Os avances na formación profesional, a análise no 24 Congreso Internacional de Formación para o Traballo

As tecnoloxías están a modificar o mundo laboral. FOTO: Santi Alvite
As tecnoloxías están a modificar o mundo laboral. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Ciencias da Educación compostelá colabora na organización deste evento que estudará no Porto a evolución do mundo laboral no futuro próximo

‘Quo Vadis formación para o traballo?’ é o lema da 24 edición do Congreso Internacional de Formación para o Traballo Galicia/Norte de Portugal que se desenvolve na cidade do Porto o venres 20 e o sábado 21 de setembro, organizado polo Instituto de Emprego e Formación Profesional da Rexión Norte de Portugal e a Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación da Universidade do Porto conxuntamente coa Facultade de Ciencias da Educación da USC e coa colaboración da xunta de galicia, conxuntamente coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo portugués.

No evento poñeranse en valor os avances máis recentes na formación profesional coa participación de persoal investigador e de persoas con responsabilidades políticas, técnicas e administrativas, en total máis de 300 persoas participantes procedentes de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde, que compartirán os avances das súas investigacións sobre a temática na Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación do Porto.

Na ceremonia de apertura do congreso, o venres 20 ás 9.30 horas, participarán en representación da delegación galega o secretario da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Jesús García Álvarez e a directora xeral de Formación Profesional da Xunta, María Eugenia Pérez Fernández. A primeira conferencia será a do profesor da USC Xabier Vence Deza, que abordará conxuntamente co vicepresidente do consello de administración  da AEP de Portugal, Jose Luis da Rocha Ceia, o futuro do traballo.  Pecharán o congreso o sábado ás 12.30 horas ademais das autoridades de Portugal  a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta, Zeltia Lado Lago e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2024.