Ir o contido principal

Os avances más significativos en matemática aplicada á industria coñeceranse nun encontro internacional na USC

A 19ª Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria (ECMI 2016) desenvolverase do 13 ao 17 de xuño

A Universidade de Santiago será a vindeira semana a sede dun encontro internacional no que destacadas figuras do eido dos negocios, a ciencia e a academia se reunirán para promover o uso das matemáticas innovadoras na industria. Trátase de que a industria formule retos a problemas ou expectativas ás que os matemáticos lles poden dar resposta.

A XIX Conferencia Europea en Matemáticas para a Industria (ECMI2016), organizada polo Departamento de Matemática Aplicada da USC e a Rede Española Matemática e Industria (math-in), terá lugar en Santiago do 13 ao 17 de xuño, coa participación de máis de 350 investigadores e investigadoras de case 40 países de todo o mundo.

O encontro inaugurarase este luns 13 ás 8.15 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía nunha cerimonia que presidirá o reitor da USC, Juan Viaño, e na que participarán tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consorcio Europeo de Matemática Industrial, Dietmar Hoëmberg; o presidente do comité científico do encontro, Alfredo Bermúdez de Castro; e a presidenta do comité organizador, Peregrina Quintela.

Ademais dos dous relatorios diarios a cargo de especialistas de renome internacional, entre eles o profesor da USC Wenceslao González, o congreso contempla numerosas sesións de comunicacións e minisimposios nos que se darán a coñecer distintas experiencias de matemáticas aplicadas á industria.

O camiño cara aos Oscars
No marco do congreso terá lugar ademais un evento especial destinado ao público en xeral denominado ‘O Camiño Matemático cara aos Oscars’, que pretende mostrar de modo asequible para a cidadanía algúns dos secretos na simulación de efectos visuais nas artes cinematográficas.

A sesión, a desenvolver con tradución simultánea o martes 14 ás 20.00 horas no Auditorio Abanca, comezará cunha conferencia de Joseph M. Teran, profesor da Universidade de California e unha das principais autoridades mundiais no campo da creación de efectos visuais no cine. Teran é colaborador de Walt Disney Animation Studios e foi o responsable dos efectos de neve da película ‘Frozen’, gañadora de dous premios Óscar e un Globo de Oro. Precisamente o seu relatorio leva por título ‘Simulación numérica da neve en películas e na aula’.

Logo da intervención de Teran terá lugar unha mesa redonda que moderará o profesor da USC Jorge Mira e á que se incorporarán Xenxo Álvarez, de The Gearing e Ottiplanet, que falará das tendencias no desenvolvemento de personaxes para películas de animación e videoxogos, e Ignacio Vargas, un dos creadores da empresa Next Limit Technologies, mundialmente recoñecida pola creación de efectos especiais relacionados coa auga. O traballo desta empresa española ten presenza en superproducións como ‘O señor dos aneis: o retorno do rei’ ou ‘Matrix reloaded’.

Casos prácticos do ITMATI
Tamén no marco da Conferencia, o Consorcio Público Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) organiza os días 13 e 16 de xuño o minisimposium ‘Solucións Efectivas para a Industria usando Tecnoloxía Matemática’, no que se abordará a relación entre as empresas e o ámbito académico, presentando os resultados das actuacións conxuntas que ITMATI levou a cabo con compañías como FerroAtlántica, Repsol, Teknova, INOVA e INAER.

Estas colaboracións, que se concretaron en equipos multidisciplinares formados por enxeñeiros destas empresas e investigadores de ITMATI, centraron os seus esforzos no desenvolvemento de solucións orientadas a conseguir importantes vantaxes competitivas. Nestas sesións tamén se profundizará en cuestións relacionadas coa aplicación de solucións matemáticas noutros campos, como a industria marítima ou os servizos de emerxencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2016.