Ir o contido principal

Avanza o Plan de Memoria Democrática de Galicia para o ano 2022 coa exhumación da fosa da Capela

Imaxe de arquivo de actuacións desenvolvidas en Vilgarcía
Imaxe de arquivo de actuacións desenvolvidas en Vilgarcía
A continuación iniciaranse intervencións en Celanova e Lousame
Santiago de Compostela

A exhumación no cemiterio veciñal da Capela (A Coruña) este martes 22, dunha fosa cos corpos de Joaquín Antón Rodeiro, Manuel Franco Bermúdez e Francisco Guerreiro Guerreiro, naturais de As Pontes de García Rodríguez, é a primeira das accións que USC e o goberno autonómico executan ao abeiro do Plan de Memoria Democrática de Galicia para o ano 2022, recentemente asinado, no marco do Plan Cuadrienal 2021/2024. Localización, exhumación e identificación de vítimas; divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos; así como o recoñecemento e sinalización dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria conforman os tres eixos sobre os que pivota o devandito plan.

Ademais da intervención na Capela está previsto que este mércores 23 de novembro comecen as exhimacións en Celanova e Lousame. A de Celanova é unha fosa común con sete persoas, naturais de Asturias, xulgadas en Camposancos e executadas en Celanova. Foron enterradas nunha fosa comúun no cemiterio parroquial. Trátase de Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Marcelino Fernández García, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Abelardo Suárez del Busto, Belarmino Álvarez García, e Mariano Blanco González. Pola súa parte, a fosa de Vilacova (Lousame, A Coruña) presenta dous corpos, un deles identificado como Manuel García Hermo, natural de A Pobra do Caramiñal e veciño de Ribeira.

Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo; o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA; e o equipo do xenetista Ángel Carracedo, que se ocupará do cotexo xenético con aqueles familiares dos asasinados que desexen que se leve a cabo. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos. As tarefas de exhumación que se detallan son as autorizadas polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática. O custo total das actuacións que se levarán a cabo en 2022 dentro destas liñas estratéxicas pola Comunidade Galega ascende a 110.351 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2022.