Ir o contido principal

Avanzan na procura de biomarcadores en plasma que permitirán adiantar o coñecemento do risco de padecer alzhéimer

Este sería o primeiro estudo en España con marcadores deste tipo en maiores en etapas presintomáticas da enfermidade. Foto: Santi Alvite
Este sería o primeiro estudo en España con marcadores deste tipo en maiores en etapas presintomáticas da enfermidade. Foto: Santi Alvite
Unha investigación liderada por persoal investigador do Instituto de Psicoloxía da USC achega valor adicional aos recentes resultados da Fundación Pasqual Maragall
Santiago de Compostela

Os recentes avances técnicos na análise de sangue periférica permitiron a cuantificación precisa de biomarcadores da enfermidade de Alzhéimer nas primeiras etapas da súa evolución de forma económica, non invasiva e segura. Agora, persoal investigador do Instituto de Psicoloxía da USC e do IDIS vén de avanzar resultados nesta doenza sobre a capacidade de diferenciación de diferentes marcadores en plasma (obtido a través de mostras de sangue). O obxectivo principal deste estudo foi contribuír á caracterización clínico-biolóxica das etapas iniciais do deterioro cognitivo mediante a medición de biomarcadores sanguíneos e neuroestruturais da enfermidade en grupos de persoas participantes clasificadas segundo o seu fenotipo clínico cognitivo.

Dos 6 biomarcadores de proteínas alteradas analizados o p-tau217 e o p-tau181, por esta orde, amosaron unha elevada capacidade de asociación e, polo tanto, confírmanse como “os mellores candidatos para dispoñer en breve de biomarcadores en plasma capaces de identificar o risco de padecer a enfermidade nun período que pode chegar aos 10-15 anos antes de se desenvolver”, explica o profesor Pereiro.

O traballo realizouse con participantes de Galicia do estudo lonxitudinal Compostela Aging study (CompAS), que ten analizado xa 3 cohortes con seguimentos de entre 5-7 anos cada unha. A investigación, liderada por Arturo X. Pereiro, Montse Zurrón, Fernando Díaz e Cristina Lojo, do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva e Psicoxerontoloxía do Instituto de Psicoloxía da USC, conta coa colaboración de grupos da USC, do CIMUS, e do IDIS.

Este sería o primeiro estudo en España con marcadores deste tipo en maiores en etapas presintomáticas da enfermidade, por tanto, cando aínda non cumpren os criterios diagnósticos dunha demencia, a diferenza do publicado por persoal investigador do Hospital del Mar Research Institute e do Barcelonaβeta Brain Research Center (BBRC) vinculado á Fundación Pasqual Maragall que incluía a persoas con demencia. “O noso estudo achega valor adicional aos resultados informados nese primeiro traballo porque analiza as asociacións deses marcadores con probas de neuroimaxe e síntomas clínicos en etapas máis temperás, presintomáticas e prodrómicas, en persoas potencialmente en risco de padecer a enfermidade no futuro”, explica Pereiro,

A investigación ‘Biomarcadores plasmáticos e neuroestruturais na caracterización clínico-biolóxica das primeiras etapas do continuo da enfermidade de Alzhéimer: achados do Compostela Aging Study‘ (Plasma and neurostructural biomarkers in the clinical-biologica characterization of early stages of the Alzheimer’s disease continuum: findings from the Compostela Aging Study) conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Galega de Innovación. O estudo foi xa aceptado para publicarse na revista científica The Journal of Prevention of Alzheimer's Disease.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2025.