Ir o contido principal

Os avogados e procuradores de España deberán especializarse en Escolas de Práctica Xurídica para poder exercer

Lotario Vilaboy, director da Escola de Práctica Xurídica da USC
Lotario Vilaboy, director da Escola de Práctica Xurídica da USC
Así o advirte o profesor da USC Lotario Vilaboy quen lembra que esta formación será obrigatoria a partir de 2011

Creada en 1981, a Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago ten como obxectivo principal “formar profesionais altamente capacitados” para o exercicio “de traballos tan complexos como son na actualidade os de avogado e procurador”, comenta o seu director Lotario Vilaboy. Ditos estudos de especialización serán obrigatorios en toda España para todos aqueles que, logo de titularse en Dereito, desexen exercer, segundo unha normativa aprobada en outubro de 2006.
Lotario subliña a “necesidade dun adestramento máis práctico” para o correcto exercicio destas dúas profesións que, ademais, abarca o coñecemento das ”normas deontolóxicas fundamentais”. “Isto xa é o máis común en moitos países europeos”.
Sobre a creación da Escola, lembra que dende o sector da avogacía e procuradoría, a universidade, os poderes públicos e a sociedade en xeral “xa levaban décadas reivindicando dita capacitación” para unha tutela xudicial efectiva, sobre todo, cando se trata de defender e representar os dereitos e intereses da xente con escasos recursos económicos.
O profesor da USC tamén subliña que a inserción laboral dos estudantes da Escola é moi elevada. Este é un dos seus propósitos máis importantes, segundo destaca o responsable que cifra nun 80 por cento as posibilidades de atopar traballo nos seis meses seguintes.
Estudos na EscolaA Escola ofrece os Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica que, cunha duración de 19 meses e 2.400 horas, constitúen un título propio da USC impartido en colaboración cos Colexios de Avogados e de Procuradores da cidade.
Nestas sesións académicas aplican os coñecementos teóricos en supostos reais e simulados, realizando escritos profesionais ou intervindo en xuízos. Os alumnos realizan prácticas en asesorías xurídicas de administracións públicas, órganos xudiciais e en despachos de avogados e procuradores.
Por outra banda, os estudantes de Dereito matriculados na materia do ‘Practicum’ son coordinados pola Escola e, de xeito complementario, este centro atende as necesidades de formación permanente e continuada para os xa titulados e traballadores. Este tipo de cursos realízanse voluntariamente pero, Lotario, opina que no futuro a formación continua dos profesionais “será obrigatoria en toda a Unión Europea”.
Así mesmo, destaca que tamén axudan a peritos, xornalistas ou policías nas súas labores de colaboración coa Administración de Xustiza e outras institucións. A longo prazo, o director pensa que a Escola poderá preparar aos opositores a xuíces, fiscais, secretarios, notarías e rexistros ofrecendo, ao mesmo tempo, un título académico.
Este centro ten a súa orixe dentro da estrutura universitaria en 1981 na Facultade de Dereito da USC cando xorde, en colaboración cos colexios de Avogados e Procuradores, como escola de especialización profesional. Actualmente, "é a única en Galicia na que participan a Universidade e os colexios".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2008.